era día de feira e ía con meu pai polo medio daquela madeixa de tenderetes que ofrecía un pouco de todo e pasamos por onde un no que tamén vendían pitiños de cores.
ía sol pero nom sei se tamén era sábado. debía selo porque todos sabemos que o sábado, antes de subir xantar á casa, sempre hai solaina. inda que sexa inverno.
meu pai dixo que xa nom tiña idade pero púxenme moi pesado e acabou mercándome dous pitiños. cando cheguei á casa subín ao cuarto e quitei os zapatos dos domingos e da misa da súa caixa e metín nela os pitiños.
pola tarde pedinlle a miña nai máis cartos para mercar outro e cando volvín pasei mirando para os tres na caixa dos zapatos ata que me chamaron para cear. logo penso que quedei durmido mirando para eles de novo e alguén me meteu na cama e me arroupou para que nom pasara frío.
cando espertei, e cando saíron todos, roubeille cartos da carteira a meu pai e fun mercar outro. e sen darme conta co paso dos días cheguei a ter unha ducia de pitiños metidos na caixa.
ninguén dixo nada de nada e meu pai decidiu mercar algo de arame e fixo un galiñeiro na casa da avoa María. ía comezar a escola e nom habería ninguén que coutara deles. alí estarían ben, pastarían a gusto e eu podería ilos ver cando quixera.
de feito ía moitos días ao acabar as clases. leváballes comida e volvía pasmar.
pasou algo de tempo e un día, durante a miña visita, vin saír unha galiña bataraza do galiñeiro. asustouse ao verme e quixo escapar. entón vin o ovo que case lle caera do cu. corrín para quitarllo. debía ser o seu primeiro ovo pero tamén era o meu.
logrei collela pero volveu meter o ovo no cu. metinlle o dedo ben dentro para ver de poderllo sacar pero, nom sei o porqué, foi entón cando se me ocorreron unhas frases indispensábeis.
solteina, saín do galiñeiro e volvín correndo ao meu cuarto tratando de nom esquecer aquelas primeiras liñas.
e despois daquelo nom houbo día en que nom borranchase algo, coma as estirpes dos verdugos.
roubado e deturpado por @xindiriz
No hay comentarios:
Publicar un comentario