levábanme ás carrancholas e apertaba o corpo e as fazulas contra o corpo dos maiores. o luar case sempre nos axudaba a ver onde pisabamos e as menos das veces tiñamos que acender a lanterna que eu tivera que ir mercar á de Belelle.
e falaba baixiño, e logo tes medo?. e igual se oía o rumbo dun tren que viña cara nós. ou nom se oía nada. e iso inda me facía falar máis baixiño.
-temos que apurarnos que nos vai pillar neste paso estreito.
e baixábanme e apertábamos os pasos ata onde o camiño se facía algo máis ancho e igual nos acolliamos baixo dunha árbore ou detrás dunha toxeira, ou nom nos acolliamos, antes que pasara a velocidade dos coches sen contemplacións e a min nom daba tempo nim me lembraba sequera de fixarme se algunha viaxeira ía mirando para a noite.
-mira os pés, nom fora que pisaras as guías dos coellos.
porque meu pai era cazador e aquelas cousas nom se lle pasaban por alto.
-mañá lévasme logo contigo, papá.
pero eran outros tempos. e agora, por uns intres, pensei que o capitán sabía das miñas intencións. mais iso era imposíbel.
mentres camiñaba repasando o meu plan concluín que, en realidade, o que era imposíbel era que o capitán nom soubese onde ía. coller sempre á esquerda era o proceder imprescindíbel para descubrir o patio central de certos labirintos; unha materia na que os dous estamos obrigados a ser consumados expertos.
ambos somos bisnetos dos bisnetos do único valido do reino de GZ que renunciou a exercer o poder para escribir unha novela que fose inda máis populosa que as mil e unha noites ou os libros de Cunqueiro mentres construía un labirinto no que se perderan sen remedio todos os que pretenderan entrar nel.
a pesar do seu retiro voluntario e sincero, no decimo terceiro ano dos seus traballos, foi asasinado e nunca se capturou nim identificou ao responsábel. os escritos que deixou resultaban indescifrábeis e tampouco ninguén foi quen de atopar traza algunha do labirinto.
imaxineino inviolado no cumio segredo dalgún monforte do país, borrado debaixo de mares de uces e toxeiras, coa entrada cegada debaixo dalgunha braña, sen límites e ateigado de sendas que van e volven, de ríos, provincias e reinos ... pensei num labirinto de labirintos, num labirinto tortuoso e crecente que abarcase o pasado e o futuro, e que dalgún xeito explicara os astros.
absorto nesas biosbardías esquecín a miña condición de perseguido. caín no absurdo de sentirme dono do mundo, que o mundo só o podía percibir eu: os prados, ás árbores, os debuxos das estrelas, o aire, o frío e a lúa. inda así, inda sendo íntima a noite presentía que a súa escuridade nom tiña límite.
sentín así porque matinei que un home pode ser inimigo doutros homes, doutros momentos doutros homes, pero nom dun país: nom de vagalumes, verbas, xardíns, ou regatos claros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario