www.tispain.com |
querido Miguel,
rematei antes do que pensaba. quizás porque o teu libro
se vai acelerando conforme se chega aos últimos capítulos. é como se tiveses
presa por concluílo, como se levases demasiado tempo atado á mesma historia, á
vez canso e borracho dela, e cando notas que estás aproximándote ao alivio de
nom ter que continuar escribíndoa mais tamén experimentas a anguria dunha
despedida que vai ser para sempre.
o teu protagonista ten sido vencido e derrúbase na
vellice e ti transmites o peso da túa, as túas enfermidades e a túa deterioración,
soa a vida humana corre ao seu fin
lixeira máis que o vento, di o apócrifo Cide Hamete Benenxeli, filósofo
mahomético, e unhas páxinas máis tarde é a túa propia voz no capítulo
final, como as cousas humanas nom sexan
eternas, indo sempre en declinación dos seus principios básicos ata chegar ao
seu último fin, especialmente as vidas dos homes …
decátome que este teu libro é unha especie de rexistro
xeolóxico das etapas da túa sensibilidade, de cómo concibes a literatura e como
te relacionaches con ela. comezaches a escribilo con cincuenta anos e xa
pasaron case vinte. daquela inda tiñas próximas as aventuras infortunadas e
fantasiosas da xuventude, o resplandor das batallas no mar e a duración sen
esperanza do cativerio en Arxel, a euforia da liberación, o lento desgasto dos
oficios indecorosos e o traballo literario sen recompensa, a vida nos camiños,
sempre dun lado para outro, o refuxio de escribir, e de ler.
agora, vello, case nom saes das rúas miserentas e estreitas
da capital, e teste resignado a un raro xeito de éxito que nom te rescata da
pobreza nim da escuridade, ao contrario que Lope, a quen sei que admiras e detestas, porque el trunfou, no teatro, na poesía, e ti nom. pero inda así conservas o sentido do
humor e o gusto por contar, a fascinación pola vida e polas falas.
a comicidade desta segunda entrega é menos escatolóxica que a da primeira, pero nom menos efectiva, se ben o relato de continuas mofas que sofren tanto o Quixote como Sancho ten agora o contrapunto da crítica aberta aos que se mofan. os anos volvéronte máis sensíbel á brutalidade da mofa, que se ceba con tanta asiduidade nos débiles e nos inocentes, nom son as mofas as que doen, porque nim hai pasatempos que vallan, se son con dano de terceiros.
a comicidade desta segunda entrega é menos escatolóxica que a da primeira, pero nom menos efectiva, se ben o relato de continuas mofas que sofren tanto o Quixote como Sancho ten agora o contrapunto da crítica aberta aos que se mofan. os anos volvéronte máis sensíbel á brutalidade da mofa, que se ceba con tanta asiduidade nos débiles e nos inocentes, nom son as mofas as que doen, porque nim hai pasatempos que vallan, se son con dano de terceiros.
unha caterva de criados fachendosos asalta a Sancho na
metade da noite, no seu pazo de falso gobernador de Barataria, finxindo
unha invasión de inimigos, e Sancho cae ao chan morto de medo, sendo pisado e
golpeado, e nom por velo caído aquela
xente burladora lle tiveron compaixón algunha.
despois de tantos episodios de aparatosos enganos
barrocos postos en escena no pazo dos duques, inopinadamente, hai un cambio de ton,
como algo que de súpeto se che ocorre e decides nom evitar, e di máis Cide Hamete, que ten para si ser
tan dementes os burladores como os burlados e que nom estaban os duques dous
dedos de semellar parvos, pois tanto se esforzaban en burlarse de dous parvos.
na primeira parte o relato interrompíase a cada paso pola
irrupción da literatura, no relato da vida nom hai lugar para o heroísmo nim
para o extraordinario e a linguaxe confúndese coa fala ou cun estilo plano e
rápido que é a taquigrafía que permite apresar o fluxo desordenado e veloz das
cousas, na literatura os personaxes son excepcionais ou heroicos e os
acontecementos misteriosos e con frecuencia fantásticos e os finais sorprendentes
e a linguaxe rica e elevada e libre das improvisacións e as impurezas da fala.
sei que para ti a prosa son libros de cavaleiros, novelas
de pastores e pastoras, melodramas de namoramentos e viaxes prodixiosas, de
azares sorprendentes que volven reunir amantes ou pais e fillos separados
durante moito tempo. por iso, a orixinalidade nom é ter superado esas
convencións para mudar en literatura a vida cotiá, é atopar a maneira de
contala e á vez indagar o lugar que a ficción ocupa na vida, a tensión
permanente entre a experiencia e a súa representación, entre a necesidade
humana de ver as cousas como son e a outra necesidade nom menos perentoria de
descansar do real evadíndose unhas veces da súa monotonía e outras da súa
desorde.
agora xa nom cedes case nunca á tentación do fantasioso e
do romántico, pero iso nom quere dicir que esa posibilidade da literatura xa
nom che importe. o último que sei que andas a escribir é o prólogo do teu fillo
predilecto, ese fillo que só ti entendes porque para todos nós é exótico e moi
pouco accesíbel e no que intúo que estás tratando de despregar todas as túas
capacidades imaxinativas e todo o luxo da túa potencia expresiva, os personaxes
heroicos con nomes extravagantes, as xeografías inusitadas, as aventuras e os
encontros milagreiros que son motivos de parodia neste libro, no teu fillo
predilecto, ese que escribes nas albas roubándolle ao sono, están contados
perfectamente en serio.
prognostico que, ao teu pesar, pasarás por ser un dos
nosos maiores anovadores, porque coñeces perfectamente a tradición que a túa
propia orixinalidade volverá anacrónica, sen ti desexalo e pola túa propia man.
a túa parodia é máis eficaz porque o que ti mesmo escarneces está xusto no
celme do teu corazón.
querido Miguel, quen ten amado tanto os enganos da
literatura nom accede a enganarse nunca sobre o real. a falacia sentimental,
tan literaria, sempre a atallas dun machadazo. o teu heroe morre e todos están
a choralo mais, con todo, comía a
sobriña, brindaba a ama e aledábase Sancho, que isto do herdar algo borra ou
tempera no herdeiro a memoria da pena que é razón que deixe o morto.
o sarcasmo da realidade quebra sempre o alivio da literatura. pero, amigo Miguel, vivamos algo máis este alivio.
Guillerme
No hay comentarios:
Publicar un comentario