8.2.19

mudamos nunha faceta do suceso

old doors
pinterest.com
mudamos nunha faceta do suceso,

nom hai espectadoras porque estamos todas camiñando e berrando consignas que cunden pola ringleira abaixo. ata que paramos e nos miramos sen saber que facer

faise un e outro reconto e o número dos presentes nom coincide cos rexistros. a primeira discusión versa sobre que lles pasara

se marcharan por vontade propia ou as forzaran

se os que apozoñaran os seus sentidos estaban no grupo

e aquilo os secuestrara

ou se había algunha outra posibilidade nom contemplada.

se deberamos anovar as consignas ou cerrarlle de vez a porta á realidade

tampouco niso concordabamos

e iso e outras leas determinaron nunha escisión, a quen si vimos marchar

e algúns admiraron velos marchar e outros odiáronos pola mesma cousa e así naceu e foi medrando unha mestura de odio e amor entre as que quedamos.

con todo, foi chegando a noite e decidiuse sen unanimidade ocupar as casas baleiras

os máis fortes quedaron próximos e as outras tiveron que buscar máis lonxe

a algúns aparecéuselles a chave nos petos, outros botaron as portas abaixo e atrancáronas por dentro cando xa sentiron necesidade de descansar

algúns decidiron ir sos e outros buscaron a compaña que precisaban

eu agora converso coa que veu comigo

ela durme pero eu nom podo e fágome preguntas sobre que pasará mañá, cantas apareceremos para seguir camiñando, incluso se pagará a pena facelo,

que decidirá a miña compañía,

eu que decidirei

porque xa me quedo cego e nom sei se me abandonará no camiño

a manifestación que se compón dun número indefinido de andeis

agora que os meus ollos case nom descifran o que debería escribir prepárome a morrer a unhas poucas leguas do hexágono onde nacín

testemuño agora o legado, porque coñecín distritos onde se posternaban ante os libros e bicaban con barbarie as páxinas:

se un eterno viaxeiro atravesara o infindo en calquera dirección comprobaría ao cabo que os volumes breves se repiten configurando a mesma desorde

e esta desorde é a orde propia

mais logo hai dúas castes, os que desexan seguir construíndo casas novas sen importarlle o que ocorra coas que xa están feitas

e as que cremos que as casas sen chave son a cousa máis tristeira e desolada e nom hai necesidade de facer outras novas. Debemos, as superviventes e as sucesoras,

habitar as vellas e restaurar a vida nelas.

No hay comentarios:

visitantes