21.12.17

futuro, que futuro?

Nobbot
na Antigüidade o tempo agromaba do pasado, que sempre era perfecto, unha idade de ouro que se derramaba por riba dun presente degradado que tiña débeda perpetua con ese pasado ideal para nom desprenderse definitivamente del. unha débeda de memoria, de culto e palabra que desexaba retrasar a chegada dun futuro nefasto xa anunciado, un futuro de destrución natural e cultural que precedería a un novo comezo na roda do tempo.

a chegada da modernidade viviuse como a liberación do presente en relación a débeda impagábel co pasado e os antepasados, unha revolución contra o curso cíclico e repetitivo das estacións que abría a porta a un futuro nom programado, fonte tanto de temores como de esperanzas.

mais nom se tardou moito en mudar o presente moderno nun tempo novamente hipotecado, obrigado a pagar unha débeda infinita, esta vez co futuro, que forzaba a sacrificar a herdanza do pasado e o modesto capital do presente no altar dun porvir de excelencia sublime e xustiza cumprida.

o retraso na chegada deste futuro prometido soportábase grazas á confianza en que o curso do tempo estaba rexido por unha forza sobrehumana equivalente a un destino, a lei do progreso que garantía que, a forza de acumular esforzos, o futuro sería necesariamente mellor que o presente.

mais houbo un momento no que os acontecementos históricos –principalmente as guerras mundiais e as ‘crises’ económicas– fixeron case imposíbel esta narración da confianza e transparentouse en exceso a ficción da fe no progreso como regra da sucesión temporal das accións humanas.

agora, un novo credo filosófico, o 'realismo especulativo', parte da premisa de que o futuro se independizou completamente do presente. o futuro xa nom é o resultado ou a consecuencia do progreso acumulado polo pasado e polo presente e tense convertido no epicentro desde o cal mana o tempo. hoxe, presente e pasado defínense a respecto del.

como ocorre cos 'derivados', eses produtos financeiros, é o futuro –o valor de futuro 'inventado' dun xeito puramente especulativo– o que fixa o valor do presente e o que pode deixalo definitivamente acantoado como 'cousa do pasado' ou manter viva a súa vixencia.

o futuro é, de certo xeito, máis 'real' que o presente e o pasado, pois decide o sentido e duración destes últimos, mais á vez é algo puramente ficticio, que, 'de feito', nunca se ten dado e que podería nom darse xamais.

si, cousa de tol@s. como pode o ficticio por definición (porque inda nom existe), o que nom pode ser nunca totalmente anticipado, funcionar como algo 'máis real que a realidade' e someter ás súas 'fantasías' o existente e o subsistente? de feito, este 'realismo' unicamente se pode pensar con axuda da ficción, especialmente da ficción distópica (1984, un mundo feliz ou mad Max).

así xa podemos imaxinar un mundo no que trunfe o dataísmo (a nova relixión dos datos, especialmente dos big data que só poden manexar e procesar algunhas das grandes empresas de comunicación), o intento de reducir a vida a procesamento de información e a unha serie de algoritmos predicíbeis que, sen necesidade de conciencia, poderían coñecer os organismos mellor do que eles se coñecen e prever 'especulativamente' o seu comportamento futuro.

un dos corolarios deste dataísmo é, segundo Yuval Noah Harari, que os humanos, considerados como individuos, poderían perder interese e valor desde o punto de vista económico e militar, salvo unha pequena elite de humanos 'mellorados'. e isto é compatíbel tanto coa economía de mercado e como coa tecnoloxía científica.

deste xeito o futuro nom só tería substituído ao presente como fonte de valor, senón que, como dicía Günther Anders, o home tería quedado obsoleto como medida da política, da economía, da guerra ou da ciencia, pois as súas capacidades resultarían superadas polas das máquinas intelixentes. en calquera caso, a distopía semella ter substituído á utopía como xénero literario 'futurista'.

así, con ocasión da última ‘crise económica’, tense fabricado o poscapitalismo, un novo xénero de ficción dedicado a especular cun escenario no que teña desaparecido ese gran monstro. mais incluso nesas obras, a pars destruens –a descrición da distopía capitalista– é moito máis apaixonante que a da súa alternativa poscapitalista.

úsase unha e outra vez a sombra dos totalitarismos nada especulativos do s. XX que, sen necesidade de dataísmo nin algoritmicismo, trataron os seres humanos desde o punto de vista económico e militar como se a súa individualidade lles importase menos que nada, excepción feita a duns poucos humanos selectos.

mais tamén se usa unha e outra vez esa sombra para desviar a atención do feito que dataísmo e algoritmicismo son compatibles, como dixemos, co neoliberalismo dono das democracias liberais. son, de feito, as súas últimas e actuais evolucións.

e, unha outra vez, a ficción difunde a ‘certificación’ da excepcionalidade e a inviolabilidade do ser humano. outra cousa é que a praxe da ‘máquina democrática’ sempre respecte o que din defender as súas leis e documentos oficiais.

@xindiriz
tradución e deturpación do artigo orixinal de JOSÉ LUIS PARDO, que viene el futuro
(babelia – el país, 21 de febreiro de 2017)

No hay comentarios:

visitantes