Allen Ault semella un vello tranquilo e educado. mais cando
se mira ao espello, o que ve é un asasino, alguén que matou con premeditación e
nunca foi perseguido por telo feito. entre o 29 de xuño de 1993 e o 17 de maio
de 1995 ordenou cinco execucións na prisión estatal de Jackson, Georgia. era o
responsábel do sistema penal. e como tal, o encargado da pena máxima, ‘outros
delegaban, eu nom, eu daba as ordes e víaos morrer’.
fala con firmeza. ás veces rise de si mesmo e outras
chora. di que se esforza todos os días por chegar á celebración do seu seguinte
aniversario. ten pasado moito tempo, pero todo segue aí, na súa cabeza,
disposto a volver e acoitelalo. é unha porta que nom pecha.
dentro agardan os presos que ordenou matar. entre
eles, Christopher Bulger e Thomas Dean Stevens, que asasinaron en 1977 a Roger
Honeycutt, roubáronlle 16 dólares, violárono, pechárono dentro do seu coche e
botárono a un lago para que afogase dentro del.
‘nom se pode xustificar o que fixeron, mais tiñan 17 e
19 anos cando entraron na cadea e máis de 34 cando foron electrocutados.
coñecinos. estudaron, aprenderon, cambiaron. nom eran os mesmos cando morreron.
e foron os primeiros que executei. Bulger tiña escasa capacidade mental. as
súas últimas palabras foron: por favor, perdóame'.
logo mira o xornalista e conta o que sabe que ten que
contar. na prisión de Jackson, a cámara da morte ocupaba 14 m2: rectangular,
luz e paredes brancas, coa cadeira feita a man, de madeira escura, cos eléctrodos,
cables e correas percorréndoa por fóra.
a preparación era minuciosa. o día anterior sacábase
ao preso do corredor da morte e conducíaselle a unha cela contigua á cadeira
eléctrica. o capelán pasaba a maior parte do tempo facéndolle compaña. nas
horas finais, rasurábanselle e depilábanselle as pernas e os brazos. logo, nos
últimos minutos, pasábaselle con delicadeza unha esponxa húmida.
na sala permanecía un garda. o reo, atado coas correas,
quedaba ante un cristal de dous metros de longo por un de alto a través do cal as
testemuñas podían ver todo o que pasaba no outro cuarto. antes da execución era
frecuente oílos rir. unha risa nerviosa, incontíbel. 'nunca se conta, mais é o habitual’.
as risas atravesaban as paredes, inundaban a cámara,
metíanse no cuarto onde agardaban os familiares do condenado. 'tiña que
explicarlles que aquilo era unha reacción nervosa'.
eu regresaba e situábame noutra sala, de costas ao
recluso. a través doutro cristal, podía ver a caluga do condenado, os seus
ombreiros, os cables e as testemuñas. cando xa estaba todo listo e o preso tiña
dito as súas últimas palabras, o garda indicáballo cunha sinal. Ault revisaba
os tres teléfonos instalados a carón seu: o do Tribunal Supremo, o do gobernador
e o da comisión penal. se ningún soaba, daba a orde: 'chegou a hora, Brad'.
Brad era o electricista. nunca asomaba a cabeza polo
cristal. tampouco dubidaba. simplemente apertaba o botón e desaparecía. Ault si
que miraba. a lostregada estalaba na súa pupila, un abismo de 2000 voltios, 'a
corrente percorre o corpo do preso, sacódeo. a electricidade vese, óese e ata
cheira'.
as testemuñas quedaban mudas, 'a algúns había que
quitalos a rastro e trasladalos ás súas casas. nunca repetían'. mais antes
había que entrar na sala. entre o cheiro a carne queimada e deposición, o
médico certificaba a defunción. un forense practicaba a autopsia. como causa do
falecemento apuntaba homicidio.
todo o procedemento era supervisado por Ault, que falaba
cos parentes, recibía os documentos, e controlaba a retirada do cadáver.
despois volvía a casa solo. nom durmía; nom podía. inda hai noites que nom é
capaz.
xa pasaron máis de 20 anos desde a última vez. a voz
do verdugo superponse ao fío musical que soa no bar anódino no que están. é
lenta, grave, ás veces baléirase.
confesa que debe ter coidado e dosificarse. nom pode
contalo todo, nin demasiadas veces. durante décadas gardou silencio. viviu en
Colorado, Florida, Washington DC. refixo a súa carreira, chegou a decano de dereito
da Universidade de Kentucky Oriental. mais nunca puido escapar do horror, 'eu
quería axudar á xente, nom matala'.
Ault estudara psicoloxía. logo de doutorarse en
Georgia, foi contratado para deseñar o proceso de clasificación e diagnóstico
dos presos. pouco a pouco ascendeu ata dirixir o sistema penal estatal. o seu
centro foi o designado en Georgia para levar a cabo as execucións e, cando
chegou o momento, nom era a primeira vez que se enfrontaba á morte. nos 50s
servira na Guerra de Korea, 'aquilo era defensa propia, eu tiña un arma e o
inimigo tamén. na cámara da morte nom hai azar, todo está ensaiado e premeditado
ata as súas últimas consecuencias. digámolo claro, é un asasinato'.
na súa primeira execución, sentiuse coma un criminal.
e a cousa foi a máis, 'o meu departamento tiña ao seu cargo 1000 millóns de
orzamento, 15000 empregados e 38000 presos; a pena de morte representaba unha
fracción mínima do meu tempo, mais acabou consumíndoo todo'.
en 1995 marchou de Georgia convencido de que era un
monstro. sufría desorde postraumático. o pasado engulía o seu futuro.
afundíase. un fenómeno habitual. el mesmo conta historias doutros verdugos
rotos que acabaron consumidos polo alcohol ou pegándose un tiro, 'eu salveime
porque estaba adestrado para axudar e aferreime a esa idea para sobrevivir'.
'sigo pensando no que fixen. inda vexo as súas caras
nos meus pesadelos. inda que nom lembro todos os seus nomes, sígueme afectando,
golpéame. rememoro as execucións. e síntome culpábel. si, si, trato de
racionalizar o que fixen pero nom funciona. tiña familia, hipoteca, gastos, era
legal, mais todo iso nom val de nada; podería ter feito outras cousas. seino e
por iso me sinto culpábel'.
durante décadas, Ault arrastrou o seu pasado en
silencio. protexíase de si mesmo, ata que fai uns anos un profesor universitario
lle pediu que contase aos alumnos o que pensaba da pena capital. o seu relato
estremeceu aos estudantes: desde entón loita contra as execucións.
'ningunha execución serve para nada, nom evita outras
mortes, nom disuade a ninguén. pretender inculcar o respecto á vida matando é
un desatino. o único que che queda é a vinganza e nin sequera esta abonda para
calmar as familias'.
a proximidade de novas, a proximidade do sangue afunde
a Ault. ten pasado moito tempo, mais ese home de pelo branco vólvese ver a si
mesmo de pé detrás do cristal, mirando os eléctrodos, as testemuñas,
comprobando os teléfonos, dicíndolle a Brad que chegou a hora. e ese momento
nom acaba nunca.
referencias: 'aún sigo viendo las
caras de quienes ordené ejecutar' (elpais,
15 abril 2016) + 'electric chair haunts US former executions
chief' (bbc news, hardtalk, 23
febreiro 2014)
deturpación por @xindiriz
deturpación por @xindiriz
No hay comentarios:
Publicar un comentario