18.3.17

agonía da posmodernidade

definicion.de
desde os 60s do s. XX ata a quebra que vivimos, a palabra posmodernidade ten designado toda unha época na historia de Occidente, unha especie de epílogo que tería tornado líquido o carácter sólido da modernidade clásica (Zygmunt Bauman), e ata gasoso (metáfora bastante máis suxestiva no Manifesto Komunista de Marx e Engels). A modernidade capitalista, viñan dicir, diferenciábase en que todo o que tiña sido e semellado firme desvanecíase no aire; un proceso de sublimación que se precipitou unha centuria máis tarde, cando a prosperidade subseguinte á hecatombe mundial trouxo consigo –xunto con outros factores– un novo espírito do tempo. Da moral puritana pasouse ao ethos individualista e hedonista; do auxe dos ídolos ao seu, so aparente, crepúsculo; da sucesión de estilos puros á súa promiscuidade; das utopías que buscaban a consumación do futuro ao culto á consumición do agora; e, finalmente, da reverencia á Verdade unha e maiúscula á coexistencia de verdades relativas, minúsculas e plurais.

en 1979, François Lyotard oficiou o bautizo da época recen nada, collendo prestado o vocábulo da xerga arquitectónica: confrontada á seriedade e a coherencia, a conciencia social e a subordinación da forma á función propias da arquitectura moderna –a de Lloyd Wright, Le Corbusier ou a Bauhaus–, a arquitectura posmoderna sería estetizante, incoherente e xovial, ecléctica e sincrética incluso, moito menos atenta á función que á forma e o seu embruxo. A dilapidación abigarrada e kitsch de As Vegas foi loada, por Robert Venturi, como o rutilante emblema desa arquitectura; metáfora á súa vez de toda unha época que culminou cara 1990, cando o neocon Francis Fukuyama decretou o presunto ‘fin da Historia’ e o trunfo sempiterno do capitalismo.

con substancial razón, Lyotard observou que a característica máis distintiva de tal posmodernidade era a caída das grandes narrativas que sustentaran o edificio moderno, isto é, da ideoloxías emancipadoras que o inspiraran desde, cando menos, a Ilustración de Kant e Voltaire ata a oufana década dos 60s. O derrubamento apenas deixou marioneta con cabeza. En primeiro lugar, o milenario relato cristián da emancipación redentora deveu en asunto de elección persoal, e xa nom en dogma de fe obrigado, nun Occidente embriagado pola secularización, a liberdade sexual e a tecnolatría. En segundo lugar, o relato ilustrado da emancipación da ignorancia e a servidume pola educación e a Razón sufrira unha dobre erosión, debida por unha banda aos totalitarismos xerados na culta Europa, e pola outra ao crecente dominio dunha razón cruamente instrumental que, alén da esfera económica, estaba a engulir múltiples vertentes da vida pública e privada. En terceiro lugar, o relato liberal-burgués que prometía a emancipación da pobreza grazas ao mercado libre foi cuestionado pola flagrante desigualdade na distribución da riqueza –dentro dos Estados e entre eles–, e por un espolio medioambiental que comezou entón a facerse patente, sobre todo cando o Clube de Roma alertou sobre os límites do crecemento. E por último, o gran relato marxista das maiorías mediante a socialización dos recursos –a cada quen segundo a súa capacidade, a cada quen segundo a súa necesidade: esa auroral utopía que galvanizara o mundo– resultou en fusca distopía cando a dobre caída do muro de Berlín e a URSS revelaron o horror do estalinismo, décadas antes denunciado por pensadores como Camus, Merleau-Ponty ou Koestler.

a posmodernidade que resultou de semellante afundimento mostra, vista con perspectiva, un saldo plural de virtudes e defectos, como calquera época histórica. Entre as virtudes cóntase a extensión das liberdades, garantías e dereitos; a medra das clases medias e o acceso ao comfort e ao consumo dunha porción das subalternas; o reemprazo das ríxidas ortodoxias pola heterodoxia e o relativismo; a relaxación dos tabús e os dogmas, así como a atmosfera de tolerancia e pluralidade asociada á vida urbana. Por vez primeira na historia, millóns de persoas outrora desposuídas sentíanse chamadas a sentarse á mesa dos escollidos, en alas do Estado-providencia e, ante todo, dun Progreso en aparencia imparábel. A finais dos 90s, cando tamaño soño culminou, Europa e o autoproclamado ‘Primeiro Mundo’ semellaban un balneario de instalados e rendeiros, cuxos inexpugnábeis muros contiñan as ondas de indixencia planetaria.

entre as carencias e defectos da posmodernidade, nom obstante, debe incluírse a desactivación do talante e do talento críticos, tan patente nos ámbitos pedagóxico e político. Ou a tendencia a abeirar a problemática do mal en beneficio dun narcisismo que atrofia os vínculos solidarios, fomenta a desafiliación e induce o ‘declive do home público’, en palabras de Richard Sennet. Ou o relevo da ética do ser pola do ter, alentado por un consumismo baseado na creación de necesidades e desexos superfluos. Ou a substitución das ideoloxías continentais por un arquipélago de illotes ideolóxicos –feministas, ecoloxistas, poscolonialistas ou identitarias–, tan dispersos que se mostran incapaces de enfrontar a tecnoburocracia globalizada. Ou a anemia dun pensamento de esquerdas confinado ao reduto erudito, que a forza de ser servil resulta inofensivo e inane.

engádanse a tales penurias outras de comparábel fuste, a fin de outear a paisaxe. Así, a rampante mercantilización da práctica totalidade dos ámbitos sociais, incluídos os de carácter espiritual e artístico. E a erosión da fráxil secuencia temporal humana nunha época sinalada, en palabras de Fredric Jameson, por nom saber nin querer pensarse historicamente. E a proclividade, alentada pola sociedade do espectáculo, á trivial estetización da economía e a política, da ética e a cidade, do corpo e os sentimentos, da natureza e a guerra. E a irresponsabilidade de boa parte dos cidadáns, que á súa condición de súbditos que se ignoran –dunha democracia roída pola demagoxia, a corrupción e o decisionismo, por certo– engaden o desvarío de sentirse cómplices do mesmo sistema que os somete, como se ve neste transo aciago. E, en fin, a miopía dunhas xeracións que se creron propietarias dun presente pletórico e eterno, unha utopía do agora e o aquí que ten hipotecado o porvir das futuras.

duns anos a esta parte, sexa como fose, esa ambivalente posmodernidade dá mostras de patente agonía, arrancada da súa quimera xovial por unha cadea de sismos no que Occidente se xoga o benestar que lle queda, ameazado extramuros por unha globalización que está desprazando os centros de control e riqueza cara ambas ribeiras do Pacífico. E ameazado tamén, intramuros, polo case unánime delirio de opulencia que nos ten emprazado ante o precipicio: ideolóxica, política e eticamente desarmados cando máis urxente resulta dispor de criterios para conducirnos con tento, conciencia e temperanza, inspirados por esa antiga sabedoría humanista que suxestiona a autolimitación e a mesura. É hora de espelirse: a posmoderna choqueirada rematou. A crise de época que atravesamos está tendo xa, xunto á súa cohorte de efectos indesexábeis, o desexábel de conxurar a estulticia política, ética e estética que por desgraza colea inda. E tamén el de urxirnos a rehabilitar a plural herdanza do Humanismo e a Ilustración neste novo tempo cheo de penumbra, a fin de tornarnos lúcidos e éticos, sobrios e solidarios, cívicos e compasivos. Coas debidas cautelas, será mester poñer ao día os vellos idearios de emancipación e concibir outros de cuño actualizado e distinto, porque ao espertar a modernidade capitalista segue inda aí, inda que máis desregulada, ensoberbecida e dixitalizada que nunca.

LLUÍS DUCH & ALBERT CHILLON
artigo orixinal publicado en El país, 25 febreiro 2012, páxina 27
tradución e deturpación por @xindiriz

No hay comentarios:

visitantes