20.10.16

as penurias da LOMCE

cartaz da pgdep,
que estes días está a celebrar mobilizacións
en relación co tema do que fala a carta
queridos desgobernos:

somos un grupo de alumno/as de 2º bacharelato do IES Laxeiro de Lalín, aínda que poderiamos ser de calquera outro instituto de Galicia ou de España. A día de hoxe, 16 de outubro de 2016, xa transcorrido un mes de clases, aínda non temos coñecemento do tipo de proba que nos permitirá acceder á Universidade. O profesorado non dispón das directrices correspondentes a ese exame, o cal provoca desconcerto e preocupación; non sabemos a data da súa realización, nin as materias das que nos debemos examinar, tampouco os contidos, nin o tipo de preguntas.

nós somos estudantes do ensino público, ao cal defendemos por enriba de todo porque é a única posibilidade para que todas as persoas poidan ter acceso á educación. Se estiveramos no ensino privado, ao mellor non tería tanta importancia porque nos poderiamos pagar calquera universidade e non nos importaría a nota desa proba, pero para nós representa a noso futuro.

por que en España non hai un acordo entre todos os partidos políticos sobre a educación? Por que quere o goberno implantar unha lei educativa que non está consensuada coas outras forzas políticas (na actualidade no Congreso hai unha maioría que rexeita a LOMCE) nin está aceptada por toda a comunidade educativa? Por que se xoga deste xeito co futuro dos mozos e mozas, co futuro deste país? Por que non se asumen responsabilidades ante un fracaso como é o inicio dun curso sen ningún tipo de planificación? Que dimitan os responsables! Por que as leis educativas non contan coa opinión dos que están directamente implicados nelas: alumnado, profesorado, familias, pedagogos, ...? Por que non deixan de facer leis nos despachos con intencionalidade política que non resolven os problemas reais da educación? Por que se ignoran as reivindicacións do alumnado e do resto da comunidade educativa en torno á LOMCE? Ter maioría absoluta nun goberno non significa non escoitar nin non dialogar. Este é a Democracia que queredes? Se é así, para que imos votar?


con esta carta convidámosvos a que reflexionedes: aos gobernantes, ao profesorado, aos estudantes, á sociedade en xeral. Se queremos cambiar as cousas para melloralas é necesario, como diría Sócrates, o diálogo como base de compromiso polo ben común, do contrario estaremos nunha gaiola de grilos que só pode traer escravitude e ignorancia.

texto publicado en faro de vigo, edición deza, 20 de outubro de 2016

No hay comentarios:

visitantes