marca do mosteiro de Oseira pedra fita entre Dozón e O Irixo |
montaxe fotográfica mostrando as tres caras da pedra fita |
o primeiro marco atopase chantado ao pé da
estrada local que vai de Dozón a O Irixo marcando os lindeiros destes concellos.
Trátase dunha pedra fita de 1,5 metros de alto no que está a vista por 0,40 de
ancho e que pola forma debeu ser un menhir na prehistoria, presentando varias
coviñas e riscos antigos daqueles tempos remotos, aos que se superpuxeron na
parte inferior unha “cruz pometeada” duns 50 cm. a cada xeito, que coidamos fai
referencia ao Mosteiro de Oseira e xa en tempos mais próximos e as letras “D.”
e “I.” abreviaturas dos concellos de Irixo e Dozon a cada lado do marco
gravadas a medidos do pasado século polo Instituto Xeográfico Catastral (IXC).
semellante cruz e as marcas “M.149” que, segundo o amigo Pablo Sanmartín, foron feitas nos anos 40s do pasado século polo IXC para marcar o “mojón 149” nesa demarcación, figuran nunha lousa dunha mámoa que forma unha necrópole nas inmediacións do marco referido, no coñecido por Monte das Mámoas tamén no lindeiro entre Dozón e O Irixo. A mámoa sinalada nos mapas coma Mámoa de Segade, anda polos vinte metros de diámetro por dous de altura e conserva milagrosamente os esteos que forman o dolmen, aínda que falta a lousa que facía de tapadeira. Na cara oposta a inscrición de Oseira figura outra coa lenda “S. Salvador de O”.
na cima dun dos esteos tamén se poden ollar un
par de coviñas que puideran ser anteriores á construción do enterramento. A
anta estaba oculta por un espeso mato que tivemos que rozar e unha sinal do
Couto de Caza de Dozón polo que o supoñemos que o petroglifo estivo inédito
deica a actualidade.
mámoa de Segade |
o campo de mámoas referido cos enterramentos
dos antigos habitantes destas terras entre os séculos –V e II, está catalogado
pola D.X. do Patrimonio coa denominación de conxunto de Mámoas de Segade ao
acharse próximas a este lugar da parroquia de San Cosme de Cusanca (O Irixo).
Ao longo dun antigo camiño que arrinca da estrada de Dozón ao Irixo e vai polo
lindeiro destes dous concellos nunha liña de pouco mais un quilómetro e medio
aínda poden apreciarse na actualidade media ducia de mámoas que dende a súa
ubicación ao carón dos setecentos metros de altura ofrecen unha impresionante
panorámica dos contornos. Todas elas andan polos 20 metros de diámetro e
alturas de case 3 metros, aínda que algunhas foron rebaixadas por labores
agrícolas e todas, agás a referida das marcas, semellan violadas podendo
ollarse buratas de distinta consideración como consecuencia de serlles
retirados as lousas que formaban o dolmen.
na encrucillada do camiño que vai de Abeledo a
Cruz da Grade e os que baixan a Sanguiñedo (Dozón) e O Castro (Cusanca-Irixo) a
pouco mais de 500 metros do casarío abandonado do Foxo do Cabrito, atopase un
marco xurisdicional que debeu ser desprazado ficando deitado na actualidade
cando o ensanche da pista polas obras do TAV que deixaron unha escombreira nas
inmediacións e do que nos dou conta o investigador lalinense Antonio Presas que
publicou recentemente un traballo sobre esta pedra fita-menhir.
marca de Oseira nun dos esteos da mámoa de Segade |
trátase dun penedo de xisto con cuarzo que
supera os 2 metros de altura por 0,5 na parte mais ancha e presenta unha cruz
latina moi erosionada e medio cento de coviñas dispostas en varias ringleiras
de canles na parte superior e varios riscos na parte inferior. O marco podería ser
a denominada “Piedra de Sumadeiro” que figura como lindeiro de Sanguiñedo polo
S. no Catastro da Ensenada situado preto de outro coñecido polo Marco de Pulgán
que segundo contan os veciños foi destruído en tempos recentes.
nesta divisoria entre Dozón e O Irixo,
localizamos tamén petroglifos inéditos deica o de agora no Coto Xacente, preto
xa da Cruz da Grade onde a maiores concorre o lindeiro do concello de Lalín.
Nun penedal de xisto vese unha cruz latina moi desgastada pola erosión e unhas
vinte cazoletas de entre 5 e 7 centímetros dispostas sen aparente orde nunha
rocha chaira de uns 6 metros cadrados.
Subliñar que nas proximidades do enclave arqueolóxico referido está o castro de San Mamede de Cusanca (O Irixo) e un campo de mámoas preto do alto do San Martiño (Biduieros-Dozón) a pé do Camiño Castelán de peregrinación a Compostela.
Subliñar que nas proximidades do enclave arqueolóxico referido está o castro de San Mamede de Cusanca (O Irixo) e un campo de mámoas preto do alto do San Martiño (Biduieros-Dozón) a pé do Camiño Castelán de peregrinación a Compostela.
artigo de DANIEL GONZÁLEZ
ALÉN
fotos de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN e PACO LÓPEZ CUÍÑA
montaxe fotográfica de
PABLO SANMARTÍN
[AGRADECEMENTOS]: para
rematar queremos agradecer aos amigos Manuel Regueiro, Paco López Cuíña ,
Manuel Méixome, Pablo Sanmartín e Alex Negreira a súa colaboración no traballo
de campo e as fotos, e a Luís Fernando Pérez, Antonio Presas e Cesar Gómez
Buxán, as súas achegas para a realización deste artigo
publicado en faro de vigo - edición deza, o 4 de
decembro de 2016 e en facebook, no muro de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN
No hay comentarios:
Publicar un comentario