22.2.15

que conselleiro nos vai chover?

gl.wikipedia.org
quen ven de fóra un rato quéixase de que en Lalín vai frío e chove moito. E estes días tamén choveu. Román Rodríguez é o novo Conselleiro de Cultura e Educación, seica cun marcado perfil galeguista. E fillo político de José Crespo, nada menos.

non teño que explicar quen é o noso veciño; quen máis quen menos coñece a súa xestión en Lalín como concelleiro. Centrareime nalgunha das tarefas que lle encargou Alberto Núñez Feijoo. E que tarefas lle vai pedir José Crespo para Lalín. Viranos visitar, traerá algo, non o dubido, pero inda así probablemente seguirá chovendo e facendo frío.

cando debatín con Román sobre a LOMCE en A Estrada, no marco das actividades do Movemento Dezao polo Ensino Público, quedoume claro que comulga con todos os obxectivos políticos desa lei; lesivos para o ensino público, para a nosa lingua, para a equidade e a igualdade de oportunidades, e para a participación democrática e transparencia no funcionamento dos centros educativos.

dareivos unha pincelada breve sobre as ‘reválidas’, por exemplo. Haberá catro: unha no medio e outra ao final da Primaria; a terceira para obter o título da ESO; e a cuarta, para obter o do Bacharelato. A maiores, para algunhas titulacións, as universidades poderán establecer filtros adicionais. Chegar a optar a un grao universitario complícase moito. Eu véxoo así: cantos máis obstáculos existan, máis oportunidades hai de caer e quedar tirado no camiño. Cantos menos recursos teñas, máis difícil che será superar eses obstáculos. Mala sorte se vos e os vosos nenos sodes de recursos humildes.

lavozdegalicia.es
na cuestión lingüística se non se está disposto a recuperar o consenso que se deriva da aprobación do Plan de Normalización Lingüística e derrogar o denominado ‘Decreto do Plurilingüísmo’ (dixeron que non o farán), o resto non vale de nada: marketing e falarbarato. Onde se xoga o futuro da nosa lingua é nos centros educativos, onde están as nenas e os nenos galegos, os que van falar ou non a nosa lingua.

eu pediríalle a Román Rodríguez que se atreva a facer o que fixeron en Euskadi. Presionar, negociar e arrancar acordos. Certificouse no BOE en setembro de 2014. O ministro Wert cedeu ante a conselleira de Educación de Euskadi, Cristina Uriarte, en dous puntos da LOMCE importantes: 1/ non se toca o modelo lingüístico de Euskadi; e 2/ os Consellos Escolares controlan as posibles arbitrariedades do director e poden decidir contra o seu criterio. Por que Galicia non pode obter algo semellante?

José Crespo conta con apuntarse un ‘gol por la escuadra’ na Champions da pre-campaña para as municipais. Igual Román anuncia fortes investimentos educativos para a vila e nin eu nin o BNG nos oporemos a algo beneficioso para Lalín. Nunca. Se é así, amén. Pero, amigas e amigos, ata velo non nos fiemos. Lembremos o tema do CAR; desde que se anunciou ata agora, e xa pasou tempo, nada de nada. É lexítimo pensar que nos poden ofrecer máis fume.

si. Teño a intuición de que virá Román Rodríguez a Lalín. Pronto. Ao mellor incluso visita o IES LAXEIRO, onde traballo. E dirán que choveu ouro puro por nós. Pero o que choverá será LOMCE e ‘paripé’ na cuestión lingüística. O dos investimentos ninguén o pode asegurar. É cuestión de credibilidade.

xosé manuel lópez fernández, candidato á alcaldía de Lalín polo BNG
@xindiriz

No hay comentarios:

visitantes