I
Terry Eagleton usa enfoques
teolóxicos, literarios, psicanalíticos, éticos e da doutrina social católica mentres
Roger Scruton, un conservador, defende leis e costumes tradicionais. Para ambos, o ‘mal’, lonxe de ser unha realidade propia
do pasado medieval, época seica supersticiosa por excelencia, segue a ser hoxe,
na suposta era da ciencia e o progreso sen límites, un fenómeno inexorablemente
real e palpable.
para Eagleton, o mal, algo
absolutamente infrecuente, é a crueldade destrutiva e orgullosa, intelixente e
case abstracta. É un xeito grotesco de vontade, incluso de arte: unha caste de
egoísmo inscrito na negación das nosas naturezas ‘como criaturas’, e da nosa
dependencia ‘dos outros da nosa especie’: ‘a pura autonomía é un soño do mal’.
para Eagleton o mal ‘carece totalmente de finalidade.
Algo tan rutineiro coma un propósito iría en detrimento da súa pureza letal.
Nisto seméllase a Deus’. O mal aspira á creatividade de Deus pero ao contrario,
convertendo o ser en non-ser por medio do uso dunha ampla gama de técnicas de aniquilación.
O mal, sen embargo, só pode anular o que xa foi feito nacer; e cancelar o
creado só intensificaría, paradoxalmente, o noso sentido da bondade e da pureza
do ser. Isto irrita inda máis os axentes do mal polo que a súa capacidade de
destrución, onde as circunstancias o permiten, alcanza graos inimaxinables de
paroxismo; iso cando, afortunadamente para nós, non se consome a si mesmo.
Scruton defende ‘a imaxe da
imperfección humana’ contra os credos utópicos e optimistas que soñan cun
futuro sen conflito e compromiso. Para el, toda persoa e sociedade debe
‘recoñecer límites que non se poden transgredir’ e ‘valora as institucións que
nos permiten medrar seguros e vivir en paz’. Con ‘pequenas doses de pesimismo’,
desexa vacinarnos contra a febre fatal dos ideais utópicos; advirte contra
‘falacias’ como a arquitectura modernista e a educación liberal, a URSS e a UE.
Todo iso ‘sempre acaba en bágoas’.
un defende que a natureza dos seres
humanos é ‘fiel a moitas concepcións teolóxicas tradicionais’ mentres o outro
rexeita a teoloxía por ser ‘totalmente trampulleira’ e non se preocupa pola fe
e as súas formas porque ‘a relixión pode declinar e fragmentarse sen detrimento
algún para o imperio da lei’; un rexeita, igual que fixeron Aristóteles e
Aquino, o individualismo moderno por ser ‘a virtude, de lonxe, o xeito máis
pleno e pracenteiro de vivir’, mais o outro propón unha moralidade baseada nos
‘hábitos do perdón e a ironía’ auto críticos, celebra a sociedade civil non
como unha reunión de xente igual mais como ‘unha comunidade libre de estraños’.
un define a pexa orixinal,
fatalista, como o inevitable ‘feito de ter nacido’ nun corpo proclive a desexos
e impulsos mais o outro percíbeo, esperanzado, como a rebelión creativa de Caín
cando matou a Abel, ‘virou as costas á tribo’ e iniciou a senda que posibilitou
fundar asentamentos cooperativos de cidadáns; un insiste en que ‘o pasado é iso
do que estamos feitos’ e que ‘moreas de antepasados se aparecen coma pantasmas nos
nosos xestos máis fortuítos, programando os nosos desexos de antemán’ e o outro
congratúlase da ‘racionalidade colectiva’ de sociedades ‘irremediablemente distintas’
que teñen a ‘capacidade de vivir en paz e adaptarse unhas ás outras facendo uso
da aceptación mutua e o consenso’.
un búrlase do ‘progresismo corto de
miras’ e o ateísmo ‘auto-compracente’ de Richard Dawkins e o outro acepta con
sobriedade que a historia mostra ‘que podemos facer algo máis que seguir os
ditados da nosa natureza orixinal’. A primeira voz, en cada caso, pertence a
Eagleton e a segunda a Scruton.
poderíase, polo tanto, establecer
paralelismos entre ambos. A utopía das ‘falsas esperanzas’ coincide, máis ou
menos, coa idea de ‘mal’ de Eagleton e para Scruton a utopía é tamén arteira,
abstracta e testana, un asalto monstruoso do ego desmedido sobre a realidade. O
concepto de historia de Eagleton descartaría ‘a posibilidade de utopía’, posto
que ‘hai certas calidades negativas da especie humana que non poden ser
alteradas substancialmente’. Scruton coincide que ‘as nosas virtudes e amores
son as virtudes e amores de criaturas moribundas’ e unha característica
esencial do mal, engade Eagleton, é a súa ‘negativa a aceptar a nosa
mortalidade como seres naturais’.
sen embargo, á hora de articular
opcións políticas as diferenzas son predicibles e evidentes. Eagleton considera
o terrorismo islámico unha resposta ‘malvada’ pero racional a unha inxustiza
histórica, Scruton unha busca interior da aniquilación ocasionada pola xenreira
e o resentimento cara a modernidade. Na explicación do ‘impulso de morte’ de
Eagleton, Scruton atoparía un exemplo elocuente dos impulsos auto–destrutivos
que ameazan con consumir o mundo –a non ser porque Eagleton fala do alcoholismo,
non do islamismo. O utópico de Scruton, como o malfeitor de Eagleton, está
bébedo de odio pola realidade encarnada.
Scruton rexeita que esteamos ante unha
‘crise do capitalismo’; para el, o capitalismo global e o imperio occidental non
son ideoloxías de coerción utópicas e destrutivas.
Eagleton, pola súa banda, busca
diferenciar as masacres de Stalin e Mao da infernal categoría representada polo
xenocidio nazi. Estariamos ante a distinción entre mal e ‘maldade’: se o mal é perseguir a
nada pola propia nada, entón, argumenta, é altamente infrecuente, por iso non é
algo polo que debamos perder de durmir. Hitler é malo pero Stalin ou Mao son
simplemente malvados, xa que a nada á que reduciron os seus inimigos foron
danos colaterais na persecución dun nobre propósito, a revolución. Inda así, Eagleton
non defende que sexan menos culpables por ser ‘simplemente’ malvados –ao
contrario.
segundo Scruton, Eagleton
estaría atrapado na falacia das utopías cando propón que a verdadeira historia inda
non comezou xa que –na espera dunha revolución auténtica interminablemente
aprazada– a humanidade segue enmarañada en ‘rapiña, avaricia, e explotación’.
Eagleton tamén combate un lugar común: que o mal
teña encanto. Admiramos a quen ‘se planta ante a autoridade, pero non a violadores
ou delincuentes corporativos’. É un asunto complexo porque ‘dúas accións poden
parecer iguais, sendo unha mala e outra non; pensemos, por exemplo, na
diferenza entre alguén que recorre a prácticas sádicas para obter pracer sexual
nunha relación consentida, e alguén que inflixe dor extrema noutra persoa para
mitigar o seu nauseabundo sentido de non–ser.’
capa da edición orixinal |
II
comentando o crime cometido por dous rapaces
en 1995 e a súa consideración pola maioría da opinión pública como ‘inentilixible’,
‘sen rima ou razón’, ‘sen causa’ Eagleton aduce que este categorizar este
suceso así é unha manobra conservadora preventiva contra aqueles que puideran
apelar ‘ás condicións sociais para buscar entender porque [estes rapaces]
fixeron o que fixeron’, porque ‘tal comprensión pode traer consigo perdón’.
Eagleton aprecia ‘unha
tautoloxía ou argumentación circular implícita’ nesta consideración: ‘a xente
fai cousas malas porque é mala’. Os conservadores rexeitan ‘o determinismo do
entorno para substituílo polo da personalidade. Agora é a túa personalidade,
non as túas condicións sociais, o que che impulsa a cometer feitos innomeables.
E inda que é doado imaxinar cambios decisivos no entorno –infravivendas demolidas
e substituídas por aloxamentos dignos, asociacións xuvenís vigorosas e en
funcionamento, a expulsión dos traficantes de crack dos barrios– é máis difícil imaxinar unha transformación tan
radical da personalidade humana. Como podería transformarme totalmente e inda
ser eu?’
ambas visións
(determinismo do entorno –defendido polos estruturalistas liberais– e
determinismo da personalidade –defendido polos condutistas conservadores)
exoneran ao actor do feito cometido. Se as condicións sociais son as únicas responsables dos malos actos, o
autor é inocente. Se ‘o mal sangue ou os xenes malvados’ son os únicos responsables dos malos actos, o
autor é inocente. E aí está a ironía: a condición que te maldí é tamén a que te
redime. ‘Se os terroristas están realmente tolos, entón ignoran o que están a
facer e, por conseguinte, son moralmente inocentes’. Se homes e mulleres son
‘vítimas indefensas de forzas demoníacas’, deberían ser compadecidos ou
condenados?
existe, sen embargo, unha
terceira explicación do mal –alén de condicións sociais e da personalidade–: defender
que o actor é malvado en uso do seu libre albedrío, a semellanza do Ricardo III
de Shakespeare (‘mal, se ti o meu ben!’) ou o Göetz de Paul Sartre en Lucifer e o Señor (‘eu fago mal polo
propio mal’). Esta reacción a miúdo se confunde cun determinismo da
personalidade: ‘sempre poderías defender que a xente que opta conscientemente
polo mal xa debe ser mala por si para facer tal cousa’.
fronte a estas
posicións, Eagleton argumenta que os malos actos son racionalmente explicables
porque ‘razón e liberdade están intimamente relacionadas’. A menos que temamos
que explicar o mal é escusar o mal: ‘explicar porque paso as
fins de semana alegremente fervendo teixos vivos non é necesariamente aprobar o
que fago. Non moita xente imaxina que os historiadores buscan explicar o
ascenso de Hitler para facelo parecer máis sedutor’. En resumo, ‘as
explicacións poden afinar os xuízos morais mais tamén facelos máis febles’.
con demasiada
frecuencia, a nosa resposta ao mal é simplista: ‘os actos humanos malvados son
explicables, en cuxo caso non poden ser malvados; ou son malvados, en cuxo caso
non hai nada máis que dicir sobre eles’. Ningún destes puntos de vista, segundo
Eagleton, sería acertado.
non hai unha
distinción absoluta entre estar influenciado e ser libre. Moitas das
influencias que padecemos teñen que interpretarse para condicionar o noso
comportamento; e a interpretación é algo creativo. Non é tanto o pasado que nos
da forma como o pasado tal e como (consciente ou inconscientemente) o
interpretamos. E sempre podemos chegar a descífralo dunha maneira diferente.
Ademais, alguén libre de influencias sociais sería tanto como unha non-persoa
ou un zombie. En realidade, esa
persoa non sería un ser humano en absoluto. Podemos actuar como axentes libres
só na medida en que nos da forma un mundo no que este concepto significa algo e
nos permite actuar segundo el. Ningún dos comportamentos especificamente
humanos é libre no sentido de estar absolto dos determinantes sociais, o que
inclúe actos especificamente humanos como quitarlle os ollos á xente. Non
seriamos capaces de torturar e masacrar sen ter asimilado moitas habilidades
sociais. Incluso cando estamos sos, non o estamos no sentido en que o está o
cubo no que manexamos o carbón ou o Golden Bridge. É só porque somos animais
sociais, capaces de compartir a nosa vida interior con outros por medio da
linguaxe, que podemos falar de asuntos como a autonomía e a responsabilidade.
Non son termos que se apliquen ás cadelas frades. Ser responsable non é estar
desprovisto de influencias sociais, mais relacionarse con tales influencias dun
xeito particular. É ser algo máis que simplemente a súa marioneta. ‘Monstro’,
nalgunhas culturas antigas, significaba, entre outras cousas, unha criatura que
era totalmente independente dos outros.
en resumo, podemos
manexar catro explicacións ou conceptos do mal: 1. determinismo ambiental: as
condicións sociais son as únicas responsables das accións malas (a postura habitual
dos estruturalistas liberais); 2. determinismo do carácter: a conduta humana é
a única responsable das accións malas (os condutistas conservadores); 3. libre
albedrío: as accións malas son elixidas polo individuo (lapsus do determinismo);
e 4. interacción entre o entorno e o carácter: as accións malas son resultado
de condicións sociais e a conduta humana (a postura de Eagleton).
e as implicacións máis
importantes destas catro explicacións ou conceptos do mal serían que 1, o mal é
perpetrado por un actor social, non un actor autónomo (‘a autonomía pura é o
soño do mal’); 2, o mal afecta aos ámbitos público e privado; e 3, o mal ten
consecuencias éticas e políticas.
Eagleton sorrindo |
III
Eagleton semella considerar
que os teólogos posúen as mellores metáforas e aprópiase delas para comprender
mellor a política contemporánea. Quere demostrar como se pode usar a doutrina
cristiá para expresar e interpretar a condición humana. Usa linguaxe teolóxica
técnica e realiza un exercicio de escatoloxía aplicada: ‘a pesar de non ser máis
posible que haxa ninguén “no” inferno de que poida haber alguén nun espazo
material chamado débeda ou amor ou desespero’, o inferno é real abondo, e non
son os outros.
a doutrina da ‘pexa
orixinal’ ocupa un lugar central neste exercicio. A antropoloxía cristiá,
debidamente entendida, non é nin pesimista nin optimista – é realista; e nesa
triangulación, importante para Eagleton, hai elementos para elaborar unha
filosofía política completa. O home é un animal tráxico, consciente da
complexidade da súa propia condición, pero nunca capaz de controlala por
completo. Reclamando ser libres, tamén sabemos que as nosas opcións na vida
están claramente determinadas por circunstancias creadas sen pedirnos consello.
Como di Adorno: ‘se soubésemos a cada momento o que ten acontecido e a que
concatenacións debemos a nosa propia existencia, e como a nosa propia
existencia está indisolublemente unida á calamidade, incluso se non temos feito
nada equivocado … se se fose completamente consciente de todo isto a cada momento,
seríase realmente incapaz de vivir.’ Esa é a razón pola que Spinoza afirmou que
a liberdade é a ignorancia da necesidade. Existir é ser culpable de accións que
nunca tivemos moita esperanza de controlar. Por iso non sorprende que, para
Adorno, a historia humana sexa unha catástrofe.
segundo a doutrina da
caída, a humanidade ten caído no coñecemento do ben e do mal e a nosa pexa
orixinal é o que nos define como animais morais, a criatura híbrida que coñece
ben e mal. Pero isto non significa que esteamos totalmente determinados e por
conseguinte sexamos incapaces de mellorar a nosa condición: ‘non somos
incapaces de transformar a nosa condición actual … pero non o faremos sen
recoñecer a nosa desalentadora historia’. Cualificariamos, entón, a filosofía
política de Eagleton como realista, en contraste con conservadores e liberais.
a antropoloxía
conservadora é esencialmente pesimista: os homes ‘son criaturas corruptas e indolentes
que precisan disciplina e autoridade constantes para poder arrancarlles algo de
valor’. Por iso, os conservadores apostan tanto polo papel das institucións
para gobernar as vontades e os afectos ingobernables dos homes, pecaminosos. A
tara na súa lealdade á tradición, sen embargo, é que non son quen de aplicar a
hermenéutica da corrupción ás institucións que erixen como barreiras contra o
caos, e renuncian a recoñecer que estas barreiras con frecuencia terminan sendo
os instrumentos da destrución que procuran evitar. Eagleton cre que o
capitalismo, en particular, ten que diferenciarse doutras formas institucionais
de vida, porque conecta directamente coa natureza inestable e contraditoria da
especie humana: ‘o capitalismo é un sistema que precisa estar en movemento
perpetuo simplemente para seguir a ser. A súa esencia é a transgresión
permanente.’ O mesmo podería dicirse das institucións relixiosas, coa
dificultade engadida de que as súas pretensións transcendentais as fan
especialmente resistentes ao cambio redentor.
Roger Scruton |
os conservadores cren
na pexa orixinal pero non na redención e os liberais cren na redención pero non
na pexa orixinal. Non cren no sentido tráxico da vida, que é a razón pola que
tenden a identificar a fonte dos males que nos asedian non en nós mesmos mais
nos impedimentos externos ao benestar humano: quite vostede eses obstáculos
externos e o Reino farase terreal tal e como é no ceo da imaxinación liberal.
os radicais, pola
contra, tentan manter o equilibrio entre estes dous estremos: ‘por unha banda,
deben ser brutalmente realistas sobre a fondura e a tenacidade da corrupción
humana ata a data … pola outra, esta corrupción non debe ser tal que a
transformación sexa imposible.’ Eagleton cre que o que evita que o radical non
esmoreza no desespero é a comprensión do que chama materialismo: ‘quero dicir
con esta crenza que a maior parte da violencia e as inxustizas son o resultado
de forzas materiais, non da disposición viciosa dos individuos … o oposto ao
materialismo aquí é a moralidade – a crenza de que os malos e os bos feitos son
independentes dos seus contextos materiais.’
en realidade, o que
propón é un entendemento materialista da pexa orixinal. Cre que a maior parte
dos comportamentos inmorais están ligados a estruturas e institucións, co cal
non é da enteira responsabilidade dos individuos implicados neles. Un bo
exemplo sería o xeito en que homes e mulleres que nunca torturarían un animal
como non dispararían a súa avoa colaboran coa existencia dun sistema vasto e
industrializado de crueldade cara os animais a causa da súa adicción á comida
barata. Eagleton non usa o termo, pero o que está pedindo é arrepentimento no
sentido usado por Xesús no Novo Testamento grego: metanoia, un cambio ou xiro radical nas nosas mentes que nos
permita ver o que está sucedendo realmente. Coma un profeta berrando nun
descampado, Eagleton chámanos a facer unha análise radical da condición humana.
Somos criaturas binarias, capaces de ben e mal, sen embargo proclives a
esconder de nós mesmos o impacto noutros das nosas accións, particularmente no
ámbito estrutural ou sistémico. Outro gran teólogo realista, Reinhold Niebuhr,
capturou este paradoxo no título dun dos seus libros, Moral Man and Immoral Society. Niebuhr demostrou sen cesar nos seus
escritos que mostramos a nosa peor cara nas esferas colectiva e estrutural – o
materialismo de Eagleton. Actos que nunca soñariamos cometer nós mesmos
permitimos que se fagan a distancia no noso nome. Eichmann mesmo non matou un
só xudeu pero asegurouse de que os trens que ían cara os campos de exterminio
chegaran á súa hora.
epílogo
se o argumento en
torno ao mal e as condicións materiais ten un mínimo de validez; a consecuencia
é que non se pode ditar un xuízo moral sobre a especie humana porque inda non a
observamos en condicións ideais (chiste británico).
VÍDEO DE
VIMEO à http://vimeo.com/15157413
fontes
deturpadas (sen piedade):
-
BENSON, Christopher. “On Evil. An Introduction” (March 24, 2010)
-
COLES, RICHARD. “On Evil by Terry Eagleton”
The Observer, (30 May 2012)
-
HOLLOWAY, Richard. “Hell on Earth: On
Evil by Terry Eagleton”
-
TONKIN, Boyd. ‘On Evil by Terry
Eagleton. The Uses of Pessimism by
Roger Scruton’ The Independent (04
Xuño 2010)
-
SINGER, Marcus G. “The Concept of Evil” Philosophy,
vol. 79, nº 308 (April 2004), pp. 185-214.
@xindiriz
No hay comentarios:
Publicar un comentario