grupos.emagister.com |
Ao colexio de Merza
Meu pai ten unha camioneta.
Di que a mercou de terceira mao e que con ela podemos ir onde queiramos. Que ten
ese poder, vaia. A camioneta.
Tamén di que ten poucas
luces e que niso se parece a el. E logo, sempre que fala das luces, ponse a
falar de min e do mundo.
Do mundo di que anda revolto
e que non hai que lle facer. Que, como dicía seu avó, nunca hai mal que por ben
non veña.
De min di que eu non vou ser
coma el e que, co que aprenda no cole, serei alguén.
Meu pai di moitas cousas.
Eu quero a meu pai. Non polo
que di nin polo que ten, senón porque e meu pai.
Tamén pola camioneta.
Nela, na camioneta, meu pai
lévame os domingos pola mañá a xogar ao fútbol e pola tarde ao río. Os sábados
leva a miña nai ao súper e pola noite van bailar. Pero pola semana lévame a min
ao cole. Todos os días. Así que saio gañando eu. Aínda que quen de verdade gaña é meu pai, que anda sempre subido na camioneta, levándonos.
A camioneta é vella e bota
moito fume, e a mestra di que iso non é bo. Pero é de cor amarela e cando chego nela ao cole todos quedan coa boca aberta e veñen correndo onda min. E logo,
cando meu pai me ven buscar, asomamos a ventá para vela. Porque tamén fai ruído,
e coma por riba meu pai pita ao chegar, os meus amigos e mais eu aproveitamos
para armar unha boa na clase. Ou iso é o que di a mestra.
A mestra, coma meu pai, tamén
di moitas cousas. Pero a ela páganlle por iso. A meu pai non, pero el fala
igual. Nós, en cambio, temos que estar case sempre caladiños. Menos cando chega
meu pai coa camioneta. Aí si que falamos, aí si que rimos. É como unha festa. E
a profesora tamén ri e os meus amigos póñense moi contentos.
Cando sexa grande levareinos
a dar unha volta. A todos. Na camioneta.
Porque o pasamos ben cando
estamos xuntos. Porque aquí, no cole, pasámolo ben e aprendemos cousas.
Pero hoxe non. Hoxe, cando
me veña buscar meu pai, seica teno que falar eu. Tócame dicirlle o que dixo a
mestra. Que queren pechar o cole e que desta vez teñen que moverse os pais. Tamén
dixo, con cara seria, que xa está ben. Pero eu creo que dixo que estaba ben
querendo dicir que estaba mal, porque a mestra ás veces di as cousas ao revés
para que a entendamos. Polo menos nós entendémola.
O que non sei é se o
entenderá meu pai.
Se lle digo o de moverse, é capaz
de dicir que xa pasa todo o día repartindo. Se lle falo de que van pechar o
cole, vai dicir que non importa, porque con iso que dicía seu avó de que non
hai mal que por ben non veña …
Non. Mellor falareille do
que lle importa. Para que o entenda. Falareille de min.
Porque meu pai tamén me
quere.
Falareille do ben que o paso
no cole e dos meus amigos. Falareille do moito que aprendo e de que, sen cole, xa
non serei alguén.
Nin virei ao cole na camioneta.
Xabier Quiroga, 2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario