27.6.13

o meu can pillou unha mosca

www.inseparabile.com
Ademais doutras cousas, eu teno un fillo. Podíase chamar Xan ou Pedro, pero puxémoslle Cibrán, na honra do santo patrón de Vilanova de Arousa. O cativo ten un cadelo e chamámoslle Can, a secas. Díxome que só tiña un can e que non vía a necesidade de poñerlle nome ningún, que cando tivera máis xa miraría o que facía. Eu calei, pareceume unha razón coma outra calquera. Nos seráns de calor, o petís ten arredor un fato de moscas que non lle deixan durmir a sesta en paz. Por suposto, as moscas tampouco deben ter nome. Son tantas e tan iguais que non pagaría a pena nomealas. Son moscas, así en xeral.

Cibrán cumpriu os once e Can pouco pasa do ano. Ámbolos dous o que máis lles gusta é xogar. É normal, están na idade. O outro día enchéronse de brincar no naval, e logo estomballáronse riba da herba, bafexando e coa lingua fora. "Tanto ten Xan coma Pericán", escoiteille dicir a miña nai. "Si, fora a alma, son tal para cal", acordei eu. Sen outras angueiras urxentes, seguín a mirar a estampa campestre e vin aparecer as moscas arredor do cadelo, e como algunhas delas facían voos de aproximación á cabeza do cativo. Tratando de pillalas, o animal lanzaba o aire dentadas, estalando os dentes sen nada que morder. Daquela comprendín o dito aquel de "o meu can pillou unha mosca", coma querendo sinalar algo extraordinario, fortuíto, improbable e milagreiro. Namentres o can zurcía o aire a dentadas, o cativo movía os brazos de xeito espasmódico, co mesmo propósito: matar os bichos voadores ou, cando menos, espantalos de diante. E co mesmo resultado. Ou sexa, ningún. Levaba razón miña nai, na caza de moscas tanto tiña Xan coma Pericán.

Tan iguais eran logo Can e Cibrán? Como pai doíame aceptar tanta similitude e, para o meu acougo, axiña dei cunha grande diferenza. De tódolos coñecementos e habelencias caninas, o cadelo recibira o 90% deles vía xenética, ou coma quen di, traíaos de serie; o restante 10% tería que aprendelos durante a súa vida. Pola contra, o cativo naceu pelado –dou fe– e se traía de serie un 30% das habelencias humanas xa era botar moito por ela; o resto das capacidades, o 70%, vai ter que sachalas nos días que viva. No caso que nos ocupa, todo semella indicar que a caza de moscas non está na xenética nin do cadelo nin do cativo, pero namentres este último ten o 70% do cerebro libre para encher de coñecementos, o cuadrúpede só ten espazo para aprender tres ou catro cousiñas de nada. Ou sexa, poida que Cibrán non chegue a ser un feroz e implacable cazador de moscas, pero a pouco que se esforce matará algunha de cando en vez; sen embargo, as probabilidades de que Can pille algunha son cero coma nada.

Adoitamos dicir que a Natureza é sabia, e foi a propia evolución natural da especie humana a que nos trouxo ata aquí. Que o cerebro de Cibrán sexa unha longa e ancha chousa a ermo foi decisión da propia Natureza, e supoñemos que sabia. Pero ata aí chegou a súa responsabilidade. Que a terra erma se converta en vizoso verxel será o noso éxito, pero tamén a nosa responsabilidade; e que non poidamos garantir un mínimo de sementeira en todos e cada un dos cerebros, será o noso fracaso. E non porque creamos que todos somos fillos de Deus, que non todos cremos; nin porque sexamos defensores da igualdade de oportunidades, que non todos o somos. Non fai falla buscar escusas tan sublimes e solidarias. Se a Natureza, na súa sabedoría, liberou a especie humana de ataduras xenéticas sería para fortalecer e aproveitar no máximo posible a capacidade de aprendizaxe; xa que logo, calquera cerebro que perda de desenvolver as súas capacidades por falta dunha mínima instrución será desbaldir as potencialidades que nos deu a Natureza e unha patada no cu ao seu longo proxecto evolutivo. Quen nos pode asegurar que nese cerebro non estaban as conexións neuronais dun eminente científico, dun santo santísimo ou dun novo Messi?

En resumo, se non somos quen de garantirlle a Cibrán unha instrución mínima, máis lle valera ser Can. Non pillaría unha mosca, pero tería garantido no berce o 90 por cen de todo o que ten que saber deste mundo para ser feliz.

Xosé Luís Sucasas, "Suqui"

23.6.13

a ilp contra a incineración, semente de futuro

integrantes da comisión promotora da ILP
xusto antes de entregar as sinaturas no Parlamento
hai máis dun ano algúns/as tiñamos escasos datos e conciencia sobre a xestión do lixo en Galiza, como moito unha opinión difusa sobre o que habería que facer. Tendemos a confiar en que as cousas se van facendo, confiamos en quen nos goberna, por que o ía facer mal? Nos medios de comunicación manéxanse a cotío os termos e as palabras que agora tamén manexamos nós. Onde estaba a necesidade dunha nova lei?

entón o conselleiro Agustín Hernández anunciou a decisión de construír unha planta de tratamento de residuos baseada na incineración en O Irixo. Grazas a el soubemos a verdade. E non nos gustou. Por iso constituímos asociacións, organizamos foros onde se aportou información relevante e veraz, fomos interlocutores das autoridades até que estas o consideraron oportuno para os seus intereses, convocamos á veciñanza da comarca e o país a expresar o noso rexeitamento na rúa, sempre respectuosamente. E chegou xuño coa perspectiva das eleccións autonómicas.

as plataformas tentabamos aproveitar o noso espazo mediático e a Xunta trataba de “matar” a cuestión por todos os medios. A decisión sobre o Irixo seica estaba tomada pero esperábase o momento “oportuno” para anunciala. Esa decisión só se refería á localización da nova planta, non ao cambio de modelo.

sen embargo, moito/as tivemos sempre claro o seguinte argumento: é de recibo rexeitar a “merda” a carón da casa pero mirar para outro lado se lla levan ao veciño ou a outro pobo? Se non é bo para nós, non o será para ninguén. Por iso tiña pleno sentido formular unha opción ambiciosa e construtiva e non deixar “matar” a verdadeira cuestión: a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra a incineración e a favor dos tres “Rs” (Redución, Reutilización e Reciclaxe).

porque as cifras, as poucas que se saben, din onde estamos. Un 75% do lixo que xeramos é material orgánico ou papel ou vidro ou envases lixeiros; polo tanto, é totalmente posíbel reaproveitalo para a sociedade e a economía aplicando tecnoloxías non demasiado complicadas e suficientemente testadas no noso contorno xeográfico, na UE e, nomeadamente, en Alemaña, ese país. Pero SOGAMA non é capaz de aproveitar máis dun ridículo 2%. O resto, ou se queima ou se mantén nun vertedoiro.

é dicir, aínda por riba de estarmos “alimentando” cos nosos impostos unha pésima solución, esta non é a solución. Pola contra, a ILP propón cousas moi sensatas:

1. para obter resultados hai que gastar ben os cartos. Os investimentos públicos deben respectar a xerarquía de sistemas de tratamento de residuos que establecen tanto a normativa europea e a estatal como incluso a galega (aprobada polo goberno bipartito). Sen embargo, se construímos outra incineradora (sexa cal sexa a comarca ou lugar) e gastamos dous centos millóns de euros longos nesta opción, canto vai quedar para os outros sistemas de tratamento? Seguiremos reciclando o que reciclamos e reducindo o lixo xerado só mentres sigamos coa crise. Este goberno ten intención de gastar cantidades inxentes en ampliar o megavertedoiro de Areosa e a capacidade de incineración. Esa é a verdade dos cartos gastados e dos xa comprometidos.

2. SOGAMA veu a resolver o problema dos vertedoiros incontrolados, onde o resolveu, e pouco máis. Os resultados mudarán cun mapa racional de plantas de tratamento centradas na recuperación de materiais reciclábeis e a compostaxe da porción orgánica, que estean situadas próximas á poboación. Sigamos o “modelo Lousame”, exemplo incluso a nivel estatal. Tamén contribuiremos decisivamente á educación cidadá. Quen agora nos goberna non confiou na xente. Hai que educar e investir en cidadanía, e a cidadanía mellorará as cousas.

3. é indiscutible que unha incineradora é altamente contaminante. O conselleiro Hernández simplemente tivo un mal día cando garantiu que a planta de O Irixo causaría un impacto “cero”. Polo tanto, quen siga a lucrarse cunha incineradora, porque isto é tamén, como non, un negocio, debería abonar un canon. E cos cartos obtidos reforzaríanse as outras opcións, moito menos lesivas.

4. o/as docentes sabemos que non podemos nin debemos tratar a todo o alumnado por igual. Somos distintos/as e hai que darlle a cada quen o que precisa. É dicir, non se pode propor o mesmo esquema para todas as zonas de Galiza porque son realidades diferentes. Non é o mesmo xestionar o lixo xerado en Vigo e na súa comarca que facelo na de Lalín. Pero a realidade é que iso é o que está a pasar.

e con estas ideas e un texto que as articula organizámonos e lanzámonos a comunicarlle á xente a nosa proposta. Na campaña de divulgación e recollida de sinaturas, negalo sería necidade, houbo días bos e días nefastos, pero fomos quen de entregar en tempo e forma máis de 21.000 sinaturas. O noso traballo e a vontade de todas e cada unha dos galego/as que asinaron ben mereceron que o Parlamento de Galiza, e por ende o grupo maioritario nel, nos explicara con detalle e sen demagoxias se a nosa proposta era boa ou mala, e o porqué de tal decisión.

que aconteceu finalmente na sesión onde se debatiu a toma en consideración da ILP? O PP votou negativamente e a oposición (BNG, AGE e PSdeG-PSOE) votou a favor. Non acadamos o obxectivo máximo pero hai outros que temos sobradamente cumpridos. E estes, na nosa opinión, son igual de valiosos. A ILP non morreu necesariamente coa votación do día 14 de maio.

moito/as poden considerar que o esforzo non valeu de nada. Dirán iso de “xa volo diciamos”. Mais os temas nunca se resolven o primeiro día. É necesario insistir e perseverar. Moita xente, incluso algunha que non asinou ou non considerou acertado contribuír á campaña de recollida de sinaturas, está absolutamente convencida de que os nosos argumentos son válidos. Sábeno. Esa é unha semente que frutificará.

por outra banda, o Partido Popular, aínda en Galiza, non ocupará eternamente a Xunta, e as forzas que o substituirán votaron a favor da ILP e do que esta propón. Non imos a debullar matices, que os hai e importantes, moi importantes. O esencial é que as forzas políticas que deben ser alternativa anunciaron o seu voto a favor da ILP. Esa é outra semente.

neste sentido, anuncios como o xa feito polo goberno municipal de Pontevedra de estudar a viabilidade dunha planta comarcal para o tratamento de residuos é unha aposta valente á que se deberían unir outras. Galiza non é só a Xunta. Hai outras instancias de poder político que se poden mobilizar para establecer debates e posibilitar alternativas que resolvan situacións urxentes, neste e noutros ámbitos. É cuestión de tempo. Esa é outra semente.

as ideas da ILP frutificarán. Hai xente que se ergue todos os días coa idea que só pensemos na crise e as súas consecuencias. Pero a crise só se resolverá con iniciativas de intervención na economía e na sociedade. Iniciativas creativas, produtivas, dinamizadoras, con rendemento a medio e longo prazo. Nós apostamos pola educación, pola creación de máis e mellor emprego, por actividades non lesivas que solucionan problemas, pola saúde pública. Esas tamén son sementes de futuro.


pero non debemos agardar sentado/as. Debemos seguir facendo labor de concienciación e información da situación e das alternativas. A ILP a favor dos tres “Rs” non foi un fin en si mesmo. A ILP foi un medio para gañar o futuro. Vémonos alí.


texto publicado no CERNA 69

15.6.13

a camioneta

grupos.emagister.com
Ao colexio de Merza

Meu pai ten unha camioneta. Di que a mercou de terceira mao e que con ela podemos ir onde queiramos. Que ten ese poder, vaia. A camioneta.

Tamén di que ten poucas luces e que niso se parece a el. E logo, sempre que fala das luces, ponse a falar de min e do mundo.

Do mundo di que anda revolto e que non hai que lle facer. Que, como dicía seu avó, nunca hai mal que por ben non veña.

De min di que eu non vou ser coma el e que, co que aprenda no cole, serei alguén.

Meu pai di moitas cousas.

Eu quero a meu pai. Non polo que di nin polo que ten, senón porque e meu pai.

Tamén pola camioneta.

Nela, na camioneta, meu pai lévame os domingos pola mañá a xogar ao fútbol e pola tarde ao río. Os sábados leva a miña nai ao súper e pola noite van bailar. Pero pola semana lévame a min ao cole. Todos os días. Así que saio gañando eu. Aínda que quen de verdade gaña é meu pai, que anda sempre subido na camioneta, levándonos.

A camioneta é vella e bota moito fume, e a mestra di que iso non é bo. Pero é de cor amarela e cando chego nela ao cole todos quedan coa boca aberta e veñen correndo onda min. E logo, cando meu pai me ven buscar, asomamos a ventá para vela. Porque tamén fai ruído, e coma por riba meu pai pita ao chegar, os meus amigos e mais eu aproveitamos para armar unha boa na clase. Ou iso é o que di a mestra.

A mestra, coma meu pai, tamén di moitas cousas. Pero a ela páganlle por iso. A meu pai non, pero el fala igual. Nós, en cambio, temos que estar case sempre caladiños. Menos cando chega meu pai coa camioneta. Aí si que falamos, aí si que rimos. É como unha festa. E a profesora tamén ri e os meus amigos póñense moi contentos.

Cando sexa grande levareinos a dar unha volta. A todos. Na camioneta.

Porque o pasamos ben cando estamos xuntos. Porque aquí, no cole, pasámolo ben e aprendemos cousas.

Pero hoxe non. Hoxe, cando me veña buscar meu pai, seica teno que falar eu. Tócame dicirlle o que dixo a mestra. Que queren pechar o cole e que desta vez teñen que moverse os pais. Tamén dixo, con cara seria, que xa está ben. Pero eu creo que dixo que estaba ben querendo dicir que estaba mal, porque a mestra ás veces di as cousas ao revés para que a entendamos. Polo menos nós entendémola.

O que non sei é se o entenderá meu pai.

Se lle digo o de moverse, é capaz de dicir que xa pasa todo o día repartindo. Se lle falo de que van pechar o cole, vai dicir que non importa, porque con iso que dicía seu avó de que non hai mal que por ben non veña …

Non. Mellor falareille do que lle importa. Para que o entenda. Falareille de min.

Porque meu pai tamén me quere.

Falareille do ben que o paso no cole e dos meus amigos. Falareille do moito que aprendo e de que, sen cole, xa non serei alguén.

Nin virei ao cole na camioneta.

Xabier Quiroga, 2013

visitantes