16.11.19

grazas, Luís, por ter sido o meu amigo, por ter sido o noso amigo

@xindiriz
obra da nosa compañeira Mar García
con algúns versos deturpados de Jaime Gil de Biedma, Julio Cortázar e Octavio Paz
lalín, ies laxeiro, 16nov2019

I

vou comezar por contarvos q cando iamos xogar por aí
hai case séculos, era frecuente q estiveramos quentando, entrando a canastra, ensaiando o tiro, facendo a roda pertinente e cando te dabas conta chegaba luís e dicía:

‘pero ti viches q ben tiran os outros, e q altos q son. hoxe perdemos seguro’

e decatábaste q xa llo dixera a todos os do equipo.
el era así, precisaba contarlle a todos q iamos perder.
logo resultaba q gañariamos ou perderiamos pero el loitara coma un ‘fiera’ e raro era q nom tivera sido un dos mellores do partido

por iso, cando me tocou facer labores directivas nesta casa, souben ao instante q el me era imprescindíbel
eu tiña daquela cero experiencia pero el nom dubidou en arriscarse comigo e axudarme
luís era como un bálsamo para min e así tiramos sempre cara adiante
el sempre sabendo estar e sempre sabendo facer

despois daquelo seguimos compartindo algo de basket de curto e moito de barra de bar,
días de sol e días de chuvia, cousas de dicir e cousas de nom dicir, ata hoxe.

coido q se pode dicir q eramos, q somos,
máis q calquera outra cousa, amigos, bos amigos
nom ten explicación nim lla busco, quería a luís, quero a luís e punto

II

xa todos ides sabendo q a vida sempre vai en serio
pero iso comprendémolo pouco a pouco
queremos levarnos a vida por diante,
deixar pegada e marchar entre aplausos,
cremos q envellar, morrer son pouco máis q as dimensións do teatro
pero sempre pasa o tempo
e podería parecer q o final é o único argumento q ten esta obra

pero eu nom me vou resistir a ese parecer
porq luís nom querería iso.
inda q se fixera o malote usando o avatar de Darth Vader,
luís era luz e alegría e goce de vivir,
era man tendida e era teito acolledor
e sei q nos cafés, nos viños q nos queden, ao borde da noite,
Luís se vai erguer como esas voces ao lonxe q nos cantan e tan ben nos aquecen.
sei q seguiremos sendo irmáns do destino,
espantando as parcas, manténdonos a flote no medio de todos os remuíños. e pasándoa bem.

III

Luís, unha das túas cholas era q coas obras aproveitaramos para mudármonos á parte nobre do ies e a ti te deixaramos abaixo, nom se sabe moi ben en q submundo,
pero eu quero dicir q a parte nobre estaba onde ti estabas
e quen quede nesta casa debería, se ten algo de sentido, lembrar e render os honores q merecen o teu bo ser, o teu saber estar e o teu bo facer

para acabar, voume quedar con iso,
con iso e co sorriso q levabas a última vez q te vin
e coa ilusión q tiñas polas cousas q inda querías facer
e co brillo nos ollos cando falabas da túa Lucía
ti si q deixaches pegada e si q marchas entre aplausos
grazas, Luis, por ter sido o meu amigo, por ter sido o noso amigo

No hay comentarios:

visitantes