27.2.19

querido miguel,

www.tispain.com
querido Miguel,

rematei antes do que pensaba. quizás porque o teu libro se vai acelerando conforme se chega aos últimos capítulos. é como se tiveses presa por concluílo, como se levases demasiado tempo atado á mesma historia, á vez canso e borracho dela, e cando notas que estás aproximándote ao alivio de nom ter que continuar escribíndoa mais tamén experimentas a anguria dunha despedida que vai ser para sempre.

o teu protagonista ten sido vencido e derrúbase na vellice e ti transmites o peso da túa, as túas enfermidades e a túa deterioración, soa a vida humana corre ao seu fin lixeira máis que o vento, di o apócrifo Cide Hamete Benenxeli, filósofo mahomético, e unhas páxinas máis tarde é a túa propia voz no capítulo final, como as cousas humanas nom sexan eternas, indo sempre en declinación dos seus principios básicos ata chegar ao seu último fin, especialmente as vidas dos homes …

decátome que este teu libro é unha especie de rexistro xeolóxico das etapas da túa sensibilidade, de cómo concibes a literatura e como te relacionaches con ela. comezaches a escribilo con cincuenta anos e xa pasaron case vinte. daquela inda tiñas próximas as aventuras infortunadas e fantasiosas da xuventude, o resplandor das batallas no mar e a duración sen esperanza do cativerio en Arxel, a euforia da liberación, o lento desgasto dos oficios indecorosos e o traballo literario sen recompensa, a vida nos camiños, sempre dun lado para outro, o refuxio de escribir, e de ler.

agora, vello, case nom saes das rúas miserentas e estreitas da capital, e teste resignado a un raro xeito de éxito que nom te rescata da pobreza nim da escuridade, ao contrario que Lope, a quen sei que admiras e detestas, porque el trunfou, no teatro, na poesía, e ti nom. pero inda así conservas o sentido do humor e o gusto por contar, a fascinación pola vida e polas falas.

a comicidade desta segunda entrega é menos escatolóxica que a da primeira, pero nom menos efectiva, se ben o relato de continuas mofas que sofren tanto o Quixote como Sancho ten agora o contrapunto da crítica aberta aos que se mofan. os anos volvéronte máis sensíbel á brutalidade da mofa, que se ceba con tanta asiduidade nos débiles e nos inocentes, nom son as mofas as que doen, porque nim hai pasatempos que vallan, se son con dano de terceiros.

unha caterva de criados fachendosos asalta a Sancho na metade da noite, no seu pazo de falso gobernador de Barataria, finxindo unha invasión de inimigos, e Sancho cae ao chan morto de medo, sendo pisado e golpeado, e nom por velo caído aquela xente burladora lle tiveron compaixón algunha.

despois de tantos episodios de aparatosos enganos barrocos postos en escena no pazo dos duques, inopinadamente, hai un cambio de ton, como algo que de súpeto se che ocorre e decides nom evitar, e di máis Cide Hamete, que ten para si ser tan dementes os burladores como os burlados e que nom estaban os duques dous dedos de semellar parvos, pois tanto se esforzaban en burlarse de dous parvos.

na primeira parte o relato interrompíase a cada paso pola irrupción da literatura, no relato da vida nom hai lugar para o heroísmo nim para o extraordinario e a linguaxe confúndese coa fala ou cun estilo plano e rápido que é a taquigrafía que permite apresar o fluxo desordenado e veloz das cousas, na literatura os personaxes son excepcionais ou heroicos e os acontecementos misteriosos e con frecuencia fantásticos e os finais sorprendentes e a linguaxe rica e elevada e libre das improvisacións e as impurezas da fala.

sei que para ti a prosa son libros de cavaleiros, novelas de pastores e pastoras, melodramas de namoramentos e viaxes prodixiosas, de azares sorprendentes que volven reunir amantes ou pais e fillos separados durante moito tempo. por iso, a orixinalidade nom é ter superado esas convencións para mudar en literatura a vida cotiá, é atopar a maneira de contala e á vez indagar o lugar que a ficción ocupa na vida, a tensión permanente entre a experiencia e a súa representación, entre a necesidade humana de ver as cousas como son e a outra necesidade nom menos perentoria de descansar do real evadíndose unhas veces da súa monotonía e outras da súa desorde.

agora xa nom cedes case nunca á tentación do fantasioso e do romántico, pero iso nom quere dicir que esa posibilidade da literatura xa nom che importe. o último que sei que andas a escribir é o prólogo do teu fillo predilecto, ese fillo que só ti entendes porque para todos nós é exótico e moi pouco accesíbel e no que intúo que estás tratando de despregar todas as túas capacidades imaxinativas e todo o luxo da túa potencia expresiva, os personaxes heroicos con nomes extravagantes, as xeografías inusitadas, as aventuras e os encontros milagreiros que son motivos de parodia neste libro, no teu fillo predilecto, ese que escribes nas albas roubándolle ao sono, están contados perfectamente en serio.

prognostico que, ao teu pesar, pasarás por ser un dos nosos maiores anovadores, porque coñeces perfectamente a tradición que a túa propia orixinalidade volverá anacrónica, sen ti desexalo e pola túa propia man. a túa parodia é máis eficaz porque o que ti mesmo escarneces está xusto no celme do teu corazón.

querido Miguel, quen ten amado tanto os enganos da literatura nom accede a enganarse nunca sobre o real. a falacia sentimental, tan literaria, sempre a atallas dun machadazo. o teu heroe morre e todos están a choralo mais, con todo, comía a sobriña, brindaba a ama e aledábase Sancho, que isto do herdar algo borra ou tempera no herdeiro a memoria da pena que é razón que deixe o morto.

o sarcasmo da realidade quebra sempre o alivio da literatura. pero, amigo Miguel, vivamos algo máis este alivio.

Guillerme

8.2.19

mudamos nunha faceta do suceso

old doors
pinterest.com
mudamos nunha faceta do suceso,

nom hai espectadoras porque estamos todas camiñando e berrando consignas que cunden pola ringleira abaixo. ata que paramos e nos miramos sen saber que facer

faise un e outro reconto e o número dos presentes nom coincide cos rexistros. a primeira discusión versa sobre que lles pasara

se marcharan por vontade propia ou as forzaran

se os que apozoñaran os seus sentidos estaban no grupo

e aquilo os secuestrara

ou se había algunha outra posibilidade nom contemplada.

se deberamos anovar as consignas ou cerrarlle de vez a porta á realidade

tampouco niso concordabamos

e iso e outras leas determinaron nunha escisión, a quen si vimos marchar

e algúns admiraron velos marchar e outros odiáronos pola mesma cousa e así naceu e foi medrando unha mestura de odio e amor entre as que quedamos.

con todo, foi chegando a noite e decidiuse sen unanimidade ocupar as casas baleiras

os máis fortes quedaron próximos e as outras tiveron que buscar máis lonxe

a algúns aparecéuselles a chave nos petos, outros botaron as portas abaixo e atrancáronas por dentro cando xa sentiron necesidade de descansar

algúns decidiron ir sos e outros buscaron a compaña que precisaban

eu agora converso coa que veu comigo

ela durme pero eu nom podo e fágome preguntas sobre que pasará mañá, cantas apareceremos para seguir camiñando, incluso se pagará a pena facelo,

que decidirá a miña compañía,

eu que decidirei

porque xa me quedo cego e nom sei se me abandonará no camiño

a manifestación que se compón dun número indefinido de andeis

agora que os meus ollos case nom descifran o que debería escribir prepárome a morrer a unhas poucas leguas do hexágono onde nacín

testemuño agora o legado, porque coñecín distritos onde se posternaban ante os libros e bicaban con barbarie as páxinas:

se un eterno viaxeiro atravesara o infindo en calquera dirección comprobaría ao cabo que os volumes breves se repiten configurando a mesma desorde

e esta desorde é a orde propia

mais logo hai dúas castes, os que desexan seguir construíndo casas novas sen importarlle o que ocorra coas que xa están feitas

e as que cremos que as casas sen chave son a cousa máis tristeira e desolada e nom hai necesidade de facer outras novas. Debemos, as superviventes e as sucesoras,

habitar as vellas e restaurar a vida nelas.

visitantes