28.8.14

Detroit, Ferrol, Lalín, ...

Michigan Central Station, en Detroit
leva máis de 20 anos abandonada
'ocupada' por adictos ás drogas e 'senteito'
www.bagnewsnotes.com
detroit (web oficial – inglés):
1/ cidade declarada en bancarrota (3/12/2013): 18.5 billóns (americanos) $ de débeda.
2/ poboación: 1.850.000 nos 50s (4º na listaxe de cidades máis poboadas de EEUU) e 700.000 na actualidade (18º).
3/ Detroit era a metonimia da industria americana do automóbil, e como tal segue o destino desta.

ferrol (web oficial):
1/ poboación: 91.000 en 1984 e 71.300 hoxe (INE); a maior sangría do estado español, só por detrás de Cádiz.
2/ non hai carga de traballo en Ferrol, nin traballo; é a cidade galega con menor taxa de actividade e coa porcentaxe de desemprego máis elevada, cun 32%.
3/ o 26% d@s que quedan ten máis de 65 anos; máis do 35% vive de prestacións (datos do Concello).
4/ no centro quedan apenas 6000 veciñ@s; chegara a ter 20000.

lalín (web oficial):
1/ poboación: 20.698 (2004) – 21.216 (2009) – 20.490 (2012).
2/ aluguer de nave en Lalín 2000 (400 mts2) à 800/1000€ (2007) – 600 (2013).
3/ actividade xudicial en Lalín e A Estrada à 57 contenciosos en 2008 – 222 en 2011 

as cidades nacen, medran ata un punto e un día comeza o seu declive. Moi poucas son eternas. Detroit non é sombra do que foi. Quizás a súa decadencia se deba a decisións dos seus dirixentes, ou quizás fixesen o que fixesen o resultado sería o mesmo. Hai procesos históricos dificilmente reversibles.

en Ferrol pregúntanse se o pasado foi soño que alguén decidiu rachar no 82/83: a Sevilla tocoulle a Expo, a Barcelona os Xogos Olímpicos, e a Ferrol a ‘reconversión e reindustrialización’ naval. Para unha cidade que vivía dos estaleiros e da presenza de instalacións militares foi un golpe mortal. Agora Fernanda, unha veciña, di que no inverno é perigoso pasear polo centro, e non pola delincuencia, senón por se che cae un cascote desde un edificio en ruínas, un dos tantos que hai.

en 2008 no Estado español estala a burbulla da construción e o prezo do chan cae en picado; ademais, algúns, un deles Xosé Crespo, xa ven as contas dos concellos galegos en serio perigo. A pesar disto, amigas e amigos, en 2009, o ano seguinte, aquí seguíase a voltas co Castro Tecnolóxico, o buque insignia da época, unha infraestrutura que ten a ben xerar todo tipo de pagos ‘non previstos’.

hai uns días, mediados de agosto de 2014, un xornal local publicou unha foto da ‘calle a’, deserta; seica porque era día grande de festas de verán e de praia. Certo. Pero se publican unha dun domingo calquera tampouco aparecerá moita xente nela, excepto á hora da misa e o fútbol, eses ‘opios’. Hai xente cualificada que di que Lalín xa está morto.

casco vello de Ferrol
www.jotdown.es
eu, modestamente, diría que nin chegamos a ‘facer cidade’ nin estamos inda tan costa abaixo como Detroit ou Ferrol. Non creo que Lalín se chegara a consolidar como núcleo industrial: ula a tecnoloxía propia?, ulo o produto distintivo? O cocido, por moito que se queira, non da para tanto. Había moito emprego si, e moitos ben que gozaron de días de viño e rosas. Agora a situación estase coloreando de escuro, moi escuro, e hai que reaccionar.

é moi preocupante a sangría de poboación que nos pode situar por baixo da cifra dos 20.000 habitantes, coa conseguinte perda de categoría e presuposto municipal. Fóra de campañas de última hora que atenden ao síntoma e non á enfermidade, que se está a facer?

temos subido, de súpeto, uns cantos chanzos na listaxe de concellos máis endebedados do Estado, superando a Silleda, un concello que na práctica estivo en suspensión de pagos e onde o PP perdeu o bastón de mando, entre outras cousas, por levalo a esta situación.

o abandono e a ruína xa medran no corazón de Lalín, na escuridade de Praza e ‘parking’ Europa, que se esfarelan sen remedio. Esa era unha infraestrutura que debía ser central na vida económica e social de Lalín.

aquí callou que vivir do agro, a gandería e a explotación dos montes era de segunda. Mellor escapar da aldea e vivir nun piso en Lalín. Os que mandaron e mandan, moitos, son bo exemplo. A xente cumpriu, como case sempre, desatendeu o que era e tiña, trouxo os fillos e os netos e mercou todos os pisos que puido. Inda así unha terceira parte está baleira. Ese modelo de vida e economía está esgotado, e a maioría dos empregos que precisan os que se fixeron ‘urbanitas’ (no téxtil e na construción, por exemplo) ou desapareceron ou ‘os desapareceron’.

parking Europa precintado
outubro de 2009
www.farodevigo.es
‘créanse empresas’ novas (este ano 20); dino e é certo, como tranquilizándonos: en Lalín volverá haber unha situación de ‘case’ pleno emprego, como antes. Pero moitas destas altas son de persoas que deciden facerse autónomos, por exemplo. E, cantas altas destas se precisan para compensar o emprego perdido nunha empresa como Montoto? Calculádeo, e calculade de paso cantas empresas pecharon. Ademais, sería interesante saber con detalles quen constitúe algunhas desas novas empresas e para que.

hoxe, mañá, este mes, este ano, esta década, o reto de Lalín e quen o dirixa é evitar ser Detroit ou Ferrol (á nosa escala, evidentemente) e superar esta situación que vivimos. Crespo, 'designado' na época de vacas gordas, non semella ter plan para evitar que esta vila morra e aspire a ser ‘eterna’.

REFERENCIAS:
eldiario.es: la fascinación artística de un desplome
faro de vigo: la primera constructora dezana quiebra y deja en la calle a más de 230 empleados
voz de galicia: el precio del suelo urbano en Lalín y A Estrada cae en más de un 28% en el primer semestre
el país: el pp vaticina la quiebra económica de los ayuntamientos
correo gallego: Lalín pagará 91249€ más a los arquitectos del consistorio
abc: el textil, deslumbre y realidad actual
voz de galicia: la crisis deja naves vacías en los polígonos de ambas comarcas
voz de galicia: las dos reconversiones navales acabaron destruyendo unos 45000 puestos de trabajo
voz de galicia: un expediente tras otro
faro de vigo: Lalín es el municipio de la comarca con más viviendas vacías, el 28,2%, el 11.732 de las totales
el diario: casi uno de cada cinco pisos que se hicieron en la última década está vacío
faro de vigo: crean 55 empresas en el primer semestre en Deza y Tabeirós, una veintena de ellas en Lalín
faro de vigo: la quiebra de empresas multiplica por cuatro los contenciosos que tramitan los juzgados
faro de vigo: Agolada y Lalín son los concellos más endeudados de las comarcas, con más 400 euros por vecino

10.8.14

tirar fotos no verán: a propósito de Laxeiro e a cultura

www.farodevigo.es
FOTO: Bernabé
a quen non lle gustan as fotos de parellas namoradas, a quen non lle resultan curiosas as fotos de xente en situacións tan inverosímiles como ilustrativas?. Como a de Saramago con Pilar del Río nos asentos traseiros dun coche disposto a partir xa a rumbos totalmente diferentes. Como as que se lle mandaban ós da Arxentina co parente recen morto no cadaleito, ou incluso amortallado, ‘vivo’ entre os vivos que o queriamos (suponse). Non sei en que categoría incluír as fotos de Xosé Crespo, alcalde impertérrito de Lalín, e Antón Lamazares, artista. Quizás nas dúas. É verán e sucedeu na Romea, a carón de onde si sabemos certo que quixo xacer Laxeiro, entre as súas donas.

as fotos lanzan a idea 666 (un dicir, que xa non levo conta) do alcalde: solicitar o traslado dos restos mortais da nosa icona cultural ao Panteón de Galegos Ilustres, en Compostela.

houbo preguntas, algunhas moi mal intencionadas: é posible facer tal?, non será isto só para consumo interno das edicións de Deza-Tabeirós?, informarase do procedemento e do balanzo real de custos–beneficios neste tempo de crise?, tiña Xosé Crespo algo máis importante que facer por Lalín ese día ou isto foi o punto álxido?, non sería mellor reter o que nos queda de Laxeiro en Lalín e promover o ‘turisteo’ de cemiterio?, inda mellor, non se podería solicitar, co apoio da familia e o gremio de artistas, o traslado da Fundación Laxeiro desde Vigo a Lalín?; gustaríanos que o alcalde se fixera fotos onde o panteón d@s nos@s?; a cant@s representa Antón Lamazares?, en que reunión se decidiu que @s representara e dixera o que din que dixo?, hai disidentes?

Lamazares e os 'abdicados' Reis de España
diante dos 'Eidos da Bama'
Budapest, 2007
esta obra instalouse logo no 'Castro Tecnolóxico'
www.farodevigo.es
que impertinentes sodes algúns, os canóns responderon a todo iso ao seu tempo; ou o farán. A cousa materializarase, e será por ben: lembrade o aeroporto (era no Carrio?), o parking baleiro e a praza ruinosa, a praia onde o Auditorio, a biblioteca onde era a piscina e agora onde foi concello e presidio, …

a min preocúpanme outros asuntos: a quen debe beneficiar a cultura e en como se deben levar o artistas cos que mandan. E encantaríame que se o poder político non o fai ben os artistas inda por riba non lle bailaran a auga. E desagrádame que o poder político use símbolos culturais, deturpándoos cando e como lle convén.

cando a cultura se usa de xeito público lexitima ao que manda. Desclasa, despista, enfeblece: que Mick Jagger se cague no ‘altísimo’ (xa non o fai tanto) non nos acerca máis á revolución, se necesaria, inda que nos faga sentir ‘supermalot@s’. A cultura non debería ser a ferramenta para construír o mundo a medida do que manda, que a cobiza sen escrúpulo inda que a desprece e a vista de pallaso en festas na que non se agradece que ninguén pense nada. A cultura emputecida, triste, ausente en paredes, libros e auditorios con primeiras filas reservadas non fai falta. Esa non fai falta.

visitantes