29.7.14

o mal e Eagleton: tres rascuños e un epílogo

aboutcolonblank.com
I

Terry Eagleton usa enfoques teolóxicos, literarios, psicanalíticos, éticos e da doutrina social católica mentres Roger Scruton, un conservador, defende leis e costumes tradicionais. Para ambos, o ‘mal’, lonxe de ser unha realidade propia do pasado medieval, época seica supersticiosa por excelencia, segue a ser hoxe, na suposta era da ciencia e o progreso sen límites, un fenómeno inexorablemente real e palpable.

para Eagleton, o mal, algo absolutamente infrecuente, é a crueldade destrutiva e orgullosa, intelixente e case abstracta. É un xeito grotesco de vontade, incluso de arte: unha caste de egoísmo inscrito na negación das nosas naturezas ‘como criaturas’, e da nosa dependencia ‘dos outros da nosa especie’: ‘a pura autonomía é un soño do mal’.

para Eagleton o mal ‘carece totalmente de finalidade. Algo tan rutineiro coma un propósito iría en detrimento da súa pureza letal. Nisto seméllase a Deus’. O mal aspira á creatividade de Deus pero ao contrario, convertendo o ser en non-ser por medio do uso dunha ampla gama de técnicas de aniquilación. O mal, sen embargo, só pode anular o que xa foi feito nacer; e cancelar o creado só intensificaría, paradoxalmente, o noso sentido da bondade e da pureza do ser. Isto irrita inda máis os axentes do mal polo que a súa capacidade de destrución, onde as circunstancias o permiten, alcanza graos inimaxinables de paroxismo; iso cando, afortunadamente para nós, non se consome a si mesmo.

Scruton defende ‘a imaxe da imperfección humana’ contra os credos utópicos e optimistas que soñan cun futuro sen conflito e compromiso. Para el, toda persoa e sociedade debe ‘recoñecer límites que non se poden transgredir’ e ‘valora as institucións que nos permiten medrar seguros e vivir en paz’. Con ‘pequenas doses de pesimismo’, desexa vacinarnos contra a febre fatal dos ideais utópicos; advirte contra ‘falacias’ como a arquitectura modernista e a educación liberal, a URSS e a UE. Todo iso ‘sempre acaba en bágoas’.

un defende que a natureza dos seres humanos é ‘fiel a moitas concepcións teolóxicas tradicionais’ mentres o outro rexeita a teoloxía por ser ‘totalmente trampulleira’ e non se preocupa pola fe e as súas formas porque ‘a relixión pode declinar e fragmentarse sen detrimento algún para o imperio da lei’; un rexeita, igual que fixeron Aristóteles e Aquino, o individualismo moderno por ser ‘a virtude, de lonxe, o xeito máis pleno e pracenteiro de vivir’, mais o outro propón unha moralidade baseada nos ‘hábitos do perdón e a ironía’ auto críticos, celebra a sociedade civil non como unha reunión de xente igual mais como ‘unha comunidade libre de estraños’.

un define a pexa orixinal, fatalista, como o inevitable ‘feito de ter nacido’ nun corpo proclive a desexos e impulsos mais o outro percíbeo, esperanzado, como a rebelión creativa de Caín cando matou a Abel, ‘virou as costas á tribo’ e iniciou a senda que posibilitou fundar asentamentos cooperativos de cidadáns; un insiste en que ‘o pasado é iso do que estamos feitos’ e que ‘moreas de antepasados se aparecen coma pantasmas nos nosos xestos máis fortuítos, programando os nosos desexos de antemán’ e o outro congratúlase da ‘racionalidade colectiva’ de sociedades ‘irremediablemente distintas’ que teñen a ‘capacidade de vivir en paz e adaptarse unhas ás outras facendo uso da aceptación mutua e o consenso’.

un búrlase do ‘progresismo corto de miras’ e o ateísmo ‘auto-compracente’ de Richard Dawkins e o outro acepta con sobriedade que a historia mostra ‘que podemos facer algo máis que seguir os ditados da nosa natureza orixinal’. A primeira voz, en cada caso, pertence a Eagleton e a segunda a Scruton.

poderíase, polo tanto, establecer paralelismos entre ambos. A utopía das ‘falsas esperanzas’ coincide, máis ou menos, coa idea de ‘mal’ de Eagleton e para Scruton a utopía é tamén arteira, abstracta e testana, un asalto monstruoso do ego desmedido sobre a realidade. O concepto de historia de Eagleton descartaría ‘a posibilidade de utopía’, posto que ‘hai certas calidades negativas da especie humana que non poden ser alteradas substancialmente’. Scruton coincide que ‘as nosas virtudes e amores son as virtudes e amores de criaturas moribundas’ e unha característica esencial do mal, engade Eagleton, é a súa ‘negativa a aceptar a nosa mortalidade como seres naturais’.

sen embargo, á hora de articular opcións políticas as diferenzas son predicibles e evidentes. Eagleton considera o terrorismo islámico unha resposta ‘malvada’ pero racional a unha inxustiza histórica, Scruton unha busca interior da aniquilación ocasionada pola xenreira e o resentimento cara a modernidade. Na explicación do ‘impulso de morte’ de Eagleton, Scruton atoparía un exemplo elocuente dos impulsos auto–destrutivos que ameazan con consumir o mundo –a non ser porque Eagleton fala do alcoholismo, non do islamismo. O utópico de Scruton, como o malfeitor de Eagleton, está bébedo de odio pola realidade encarnada.

Scruton rexeita que esteamos ante unha ‘crise do capitalismo’; para el, o capitalismo global e o imperio occidental non son ideoloxías de coerción utópicas e destrutivas.

Eagleton, pola súa banda, busca diferenciar as masacres de Stalin e Mao da infernal categoría representada polo xenocidio nazi. Estariamos ante a distinción entre mal e ‘maldade’: se o mal é perseguir a nada pola propia nada, entón, argumenta, é altamente infrecuente, por iso non é algo polo que debamos perder de durmir. Hitler é malo pero Stalin ou Mao son simplemente malvados, xa que a nada á que reduciron os seus inimigos foron danos colaterais na persecución dun nobre propósito, a revolución. Inda así, Eagleton non defende que sexan menos culpables por ser ‘simplemente’ malvados –ao contrario.

segundo Scruton, Eagleton estaría atrapado na falacia das utopías cando propón que a verdadeira historia inda non comezou xa que –na espera dunha revolución auténtica interminablemente aprazada– a humanidade segue enmarañada en ‘rapiña, avaricia, e explotación’.

Eagleton tamén combate un lugar común: que o mal teña encanto. Admiramos a quen ‘se planta ante a autoridade, pero non a violadores ou delincuentes corporativos’. É un asunto complexo porque ‘dúas accións poden parecer iguais, sendo unha mala e outra non; pensemos, por exemplo, na diferenza entre alguén que recorre a prácticas sádicas para obter pracer sexual nunha relación consentida, e alguén que inflixe dor extrema noutra persoa para mitigar o seu nauseabundo sentido de non–ser.’

capa da edición orixinal
yalepress.yale.edu
II

Principio del formulario
Final del formulario
New Humanist: Clarify your thinking
comentando o crime cometido por dous rapaces en 1995 e a súa consideración pola maioría da opinión pública como ‘inentilixible’, ‘sen rima ou razón’, ‘sen causa’ Eagleton aduce que este categorizar este suceso así é unha manobra conservadora preventiva contra aqueles que puideran apelar ‘ás condicións sociais para buscar entender porque [estes rapaces] fixeron o que fixeron’, porque ‘tal comprensión pode traer consigo perdón’.

Eagleton aprecia ‘unha tautoloxía ou argumentación circular implícita’ nesta consideración: ‘a xente fai cousas malas porque é mala’. Os conservadores rexeitan ‘o determinismo do entorno para substituílo polo da personalidade. Agora é a túa personalidade, non as túas condicións sociais, o que che impulsa a cometer feitos innomeables. E inda que é doado imaxinar cambios decisivos no entorno –infravivendas demolidas e substituídas por aloxamentos dignos, asociacións xuvenís vigorosas e en funcionamento, a expulsión dos traficantes de crack dos barrios– é máis difícil imaxinar unha transformación tan radical da personalidade humana. Como podería transformarme totalmente e inda ser eu?’

ambas visións (determinismo do entorno –defendido polos estruturalistas liberais– e determinismo da personalidade –defendido polos condutistas conservadores) exoneran ao actor do feito cometido. Se as condicións sociais son as únicas responsables dos malos actos, o autor é inocente. Se ‘o mal sangue ou os xenes malvados’ son os únicos responsables dos malos actos, o autor é inocente. E aí está a ironía: a condición que te maldí é tamén a que te redime. ‘Se os terroristas están realmente tolos, entón ignoran o que están a facer e, por conseguinte, son moralmente inocentes’. Se homes e mulleres son ‘vítimas indefensas de forzas demoníacas’, deberían ser compadecidos ou condenados?

existe, sen embargo, unha terceira explicación do mal –alén de condicións sociais e da personalidade–: defender que o actor é malvado en uso do seu libre albedrío, a semellanza do Ricardo III de Shakespeare (‘mal, se ti o meu ben!’) ou o Göetz de Paul Sartre en Lucifer e o Señor (‘eu fago mal polo propio mal’). Esta reacción a miúdo se confunde cun determinismo da personalidade: ‘sempre poderías defender que a xente que opta conscientemente polo mal xa debe ser mala por si para facer tal cousa’.

fronte a estas posicións, Eagleton argumenta que os malos actos son racionalmente explicables porque ‘razón e liberdade están intimamente relacionadas’. A menos que temamos que explicar o mal é escusar o mal: ‘explicar porque paso as fins de semana alegremente fervendo teixos vivos non é necesariamente aprobar o que fago. Non moita xente imaxina que os historiadores buscan explicar o ascenso de Hitler para facelo parecer máis sedutor’. En resumo, ‘as explicacións poden afinar os xuízos morais mais tamén facelos máis febles’.

con demasiada frecuencia, a nosa resposta ao mal é simplista: ‘os actos humanos malvados son explicables, en cuxo caso non poden ser malvados; ou son malvados, en cuxo caso non hai nada máis que dicir sobre eles’. Ningún destes puntos de vista, segundo Eagleton, sería acertado.

non hai unha distinción absoluta entre estar influenciado e ser libre. Moitas das influencias que padecemos teñen que interpretarse para condicionar o noso comportamento; e a interpretación é algo creativo. Non é tanto o pasado que nos da forma como o pasado tal e como (consciente ou inconscientemente) o interpretamos. E sempre podemos chegar a descífralo dunha maneira diferente. Ademais, alguén libre de influencias sociais sería tanto como unha non-persoa ou un zombie. En realidade, esa persoa non sería un ser humano en absoluto. Podemos actuar como axentes libres só na medida en que nos da forma un mundo no que este concepto significa algo e nos permite actuar segundo el. Ningún dos comportamentos especificamente humanos é libre no sentido de estar absolto dos determinantes sociais, o que inclúe actos especificamente humanos como quitarlle os ollos á xente. Non seriamos capaces de torturar e masacrar sen ter asimilado moitas habilidades sociais. Incluso cando estamos sos, non o estamos no sentido en que o está o cubo no que manexamos o carbón ou o Golden Bridge. É só porque somos animais sociais, capaces de compartir a nosa vida interior con outros por medio da linguaxe, que podemos falar de asuntos como a autonomía e a responsabilidade. Non son termos que se apliquen ás cadelas frades. Ser responsable non é estar desprovisto de influencias sociais, mais relacionarse con tales influencias dun xeito particular. É ser algo máis que simplemente a súa marioneta. ‘Monstro’, nalgunhas culturas antigas, significaba, entre outras cousas, unha criatura que era totalmente independente dos outros.

en resumo, podemos manexar catro explicacións ou conceptos do mal: 1. determinismo ambiental: as condicións sociais son as únicas responsables das accións malas (a postura habitual dos estruturalistas liberais); 2. determinismo do carácter: a conduta humana é a única responsable das accións malas (os condutistas conservadores); 3. libre albedrío: as accións malas son elixidas polo individuo (lapsus do determinismo); e 4. interacción entre o entorno e o carácter: as accións malas son resultado de condicións sociais e a conduta humana (a postura de Eagleton).

e as implicacións máis importantes destas catro explicacións ou conceptos do mal serían que 1, o mal é perpetrado por un actor social, non un actor autónomo (‘a autonomía pura é o soño do mal’); 2, o mal afecta aos ámbitos público e privado; e 3, o mal ten consecuencias éticas e políticas.

Eagleton sorrindo
robertarood.wordpress.com
III

Eagleton semella considerar que os teólogos posúen as mellores metáforas e aprópiase delas para comprender mellor a política contemporánea. Quere demostrar como se pode usar a doutrina cristiá para expresar e interpretar a condición humana. Usa linguaxe teolóxica técnica e realiza un exercicio de escatoloxía aplicada: ‘a pesar de non ser máis posible que haxa ninguén “no” inferno de que poida haber alguén nun espazo material chamado débeda ou amor ou desespero’, o inferno é real abondo, e non son os outros.

a doutrina da ‘pexa orixinal’ ocupa un lugar central neste exercicio. A antropoloxía cristiá, debidamente entendida, non é nin pesimista nin optimista – é realista; e nesa triangulación, importante para Eagleton, hai elementos para elaborar unha filosofía política completa. O home é un animal tráxico, consciente da complexidade da súa propia condición, pero nunca capaz de controlala por completo. Reclamando ser libres, tamén sabemos que as nosas opcións na vida están claramente determinadas por circunstancias creadas sen pedirnos consello. Como di Adorno: ‘se soubésemos a cada momento o que ten acontecido e a que concatenacións debemos a nosa propia existencia, e como a nosa propia existencia está indisolublemente unida á calamidade, incluso se non temos feito nada equivocado … se se fose completamente consciente de todo isto a cada momento, seríase realmente incapaz de vivir.’ Esa é a razón pola que Spinoza afirmou que a liberdade é a ignorancia da necesidade. Existir é ser culpable de accións que nunca tivemos moita esperanza de controlar. Por iso non sorprende que, para Adorno, a historia humana sexa unha catástrofe.

segundo a doutrina da caída, a humanidade ten caído no coñecemento do ben e do mal e a nosa pexa orixinal é o que nos define como animais morais, a criatura híbrida que coñece ben e mal. Pero isto non significa que esteamos totalmente determinados e por conseguinte sexamos incapaces de mellorar a nosa condición: ‘non somos incapaces de transformar a nosa condición actual … pero non o faremos sen recoñecer a nosa desalentadora historia’. Cualificariamos, entón, a filosofía política de Eagleton como realista, en contraste con conservadores e liberais.

a antropoloxía conservadora é esencialmente pesimista: os homes ‘son criaturas corruptas e indolentes que precisan disciplina e autoridade constantes para poder arrancarlles algo de valor’. Por iso, os conservadores apostan tanto polo papel das institucións para gobernar as vontades e os afectos ingobernables dos homes, pecaminosos. A tara na súa lealdade á tradición, sen embargo, é que non son quen de aplicar a hermenéutica da corrupción ás institucións que erixen como barreiras contra o caos, e renuncian a recoñecer que estas barreiras con frecuencia terminan sendo os instrumentos da destrución que procuran evitar. Eagleton cre que o capitalismo, en particular, ten que diferenciarse doutras formas institucionais de vida, porque conecta directamente coa natureza inestable e contraditoria da especie humana: ‘o capitalismo é un sistema que precisa estar en movemento perpetuo simplemente para seguir a ser. A súa esencia é a transgresión permanente.’ O mesmo podería dicirse das institucións relixiosas, coa dificultade engadida de que as súas pretensións transcendentais as fan especialmente resistentes ao cambio redentor.

Roger Scruton
www.abc.net.au
os conservadores cren na pexa orixinal pero non na redención e os liberais cren na redención pero non na pexa orixinal. Non cren no sentido tráxico da vida, que é a razón pola que tenden a identificar a fonte dos males que nos asedian non en nós mesmos mais nos impedimentos externos ao benestar humano: quite vostede eses obstáculos externos e o Reino farase terreal tal e como é no ceo da imaxinación liberal.

os radicais, pola contra, tentan manter o equilibrio entre estes dous estremos: ‘por unha banda, deben ser brutalmente realistas sobre a fondura e a tenacidade da corrupción humana ata a data … pola outra, esta corrupción non debe ser tal que a transformación sexa imposible.’ Eagleton cre que o que evita que o radical non esmoreza no desespero é a comprensión do que chama materialismo: ‘quero dicir con esta crenza que a maior parte da violencia e as inxustizas son o resultado de forzas materiais, non da disposición viciosa dos individuos … o oposto ao materialismo aquí é a moralidade – a crenza de que os malos e os bos feitos son independentes dos seus contextos materiais.’

en realidade, o que propón é un entendemento materialista da pexa orixinal. Cre que a maior parte dos comportamentos inmorais están ligados a estruturas e institucións, co cal non é da enteira responsabilidade dos individuos implicados neles. Un bo exemplo sería o xeito en que homes e mulleres que nunca torturarían un animal como non dispararían a súa avoa colaboran coa existencia dun sistema vasto e industrializado de crueldade cara os animais a causa da súa adicción á comida barata. Eagleton non usa o termo, pero o que está pedindo é arrepentimento no sentido usado por Xesús no Novo Testamento grego: metanoia, un cambio ou xiro radical nas nosas mentes que nos permita ver o que está sucedendo realmente. Coma un profeta berrando nun descampado, Eagleton chámanos a facer unha análise radical da condición humana. Somos criaturas binarias, capaces de ben e mal, sen embargo proclives a esconder de nós mesmos o impacto noutros das nosas accións, particularmente no ámbito estrutural ou sistémico. Outro gran teólogo realista, Reinhold Niebuhr, capturou este paradoxo no título dun dos seus libros, Moral Man and Immoral Society. Niebuhr demostrou sen cesar nos seus escritos que mostramos a nosa peor cara nas esferas colectiva e estrutural – o materialismo de Eagleton. Actos que nunca soñariamos cometer nós mesmos permitimos que se fagan a distancia no noso nome. Eichmann mesmo non matou un só xudeu pero asegurouse de que os trens que ían cara os campos de exterminio chegaran á súa hora.

epílogo

se o argumento en torno ao mal e as condicións materiais ten un mínimo de validez; a consecuencia é que non se pode ditar un xuízo moral sobre a especie humana porque inda non a observamos en condicións ideais (chiste británico).

VÍDEO DE VIMEO à http://vimeo.com/15157413
GOOGLE BOOKS à On Evil (versión orixinal en inglés)

fontes deturpadas (sen piedade):
- BENSON, Christopher. “On Evil. An Introduction” (March 24, 2010)
- COLES, RICHARD. “On Evil by Terry Eagleton” The Observer, (30 May 2012)
- HOLLOWAY, Richard. “Hell on Earth: On Evil by Terry Eagleton”
- TONKIN, Boyd. ‘On Evil by Terry Eagleton. The Uses of Pessimism by Roger Scruton’ The Independent (04 Xuño 2010)
- SINGER, Marcus G. “The Concept of Evil” Philosophy, vol. 79, nº 308 (April 2004), pp. 185-214.

@xindiriz

24.7.14

en Lalín o cine non é esencial

www.farodevigo.es
cando no Concello de Lalín tratamos cuestións de DZine non estaba Xosé Crespo Iglesias. Estaba noutra reunión sobre unha cuestión máis importante e apareceu nunha foto máis proveitosa para el e todos nós. Nesa foto quedou patente a unión de alcaldes importantes da provincia en contra da pretensión do ministerio de Xustiza de suprimir os partidos xudiciais e, na práctica, recentralizar os servizos públicos de xustiza, facéndoos máis custosos e inaccesibles para todos, esencialmente para os máis humildes.

concordo con que o cine en Lalín non é unha prioridade. Como di o alcalde, se non hai xulgados en Lalín, ‘se perdería vidilla’, sen cine haina igual. Esencial é ter emprego para facer a vida que desexes; e coñezo moitos que están pasando por grandes dificultades, enormes. Hai que ter acceso servizos educativos e de saúde públicos, gratuítos e de calidade, sufragados por impostos provenientes dun sistema impositivo equitativo. E a xustiza, xusta, accesible, próxima e rápida. Logo os adornos, como ver cine no teu pobo ou comarca, a ser posible bo.

por iso entendo ben o que pasou o luns. O Concello declárase entusiasta partidario da idea pero na práctica: 1, o espazo que se ía ceder resulta que xa ten actividades programadas e isto é un problema; 2, a subvención que podía aportar Cultura para equipar o local ideal para o cineclube, agora resulta que non é tecnicamente factible por un ‘matiz legal’.

dúas reflexións e dúas preguntas: 1; se había xa moitas actividades no Salón Teatro e o que propuxo DZine era incompatible con elas, por que se dixo hai un mes que se cedía?. 2; a Orde que regula a subvención di que é para equipar instalacións municipais; suponse que as actividades que alí teñan lugar as realizará o titular; e se se menciona que algunhas as faría DZine e iso é un problema, non lles parece que se cometeu unha torpeza na formulación da solicitude?.

e unha guinda, non menor: na nosa proposta de Convenio de uso do Salón Teatro afirmamos que durante o horario correspondente non se precisará a presenza de empregados do Concello. Pero nesa situación se nos di que temos que contratar un seguro de responsabilidade civil (uns 900 euros). Non albisco a razón disto, porque imaxino que xa o Concello ten un. E outros cineclubes apoiados polos seus concellos non teñen, que eu saiba, necesidade dese trámite cando usan espazos cedidos polos concellos respectivos.

news.ugo.co.ug
o resumo é que todo isto supón un mes perdido.

ás veces penso que non se confía en nós, ou que non interesa a idea (moitos votos igual non da), ou que non interesa que a idea a poñamos nós en práctica. Porque lembro o dinamismo que se exhiben cando se conseguen recursos para outras cuestións e a contundencia usada contra os que desinten.

un exemplo, a Diputación aportará fondos para o ‘choio’ dos castros. E bastantes. O que precisaría DZine, en comparación, non son máis de ‘catro cadelas’: aproximadamente un millón de euros contra non máis de nove mil euros para acondicionar dignamente o Salón Teatro.

ás veces, repito, pásaseme pola cabeza o que xa vos contei pero para que vou vivir con esta desconfianza. O cine non é esencial; esenciais son outras cousas nas que xa se está traballando arreo. E hai que dar as grazas por iso. Si, señor alcalde, moitas grazas por traballar no esencial para Lalín.

para finalizar, eu sempre tiven claro que sen a axuda do Concello esta aventura de volver traer cinema a Lalín e comarca ía ser complicada pero tampouco, chegado ata aquí, me vou conformar con esta situación. Seguireino intentando cos meus compañeiros. Temos que responder ante a xente que xa se asociou e quere cinema na comarca. E tentaremos facelo, por suposto.

visitantes