20.4.12

ir ou non ir? subir ou baixar?

O domingo estamos convocad@s en Lalín a manifestarnos contra a instalación dunha incineradora de lixo en O Irixo (ou en calquera outro lugar próximo á comarca). Noutras circunstancias un tipo danés non sabía que facer. Pode que moit@s de vos esteades na mesma, vou ou non vou á manifestación do domingo? Estará mal día, que pinto aí, en política non me quero meter, teño cousas máis importantes que facer, xa irán outr@s por min, que manifestación ho.

Incluso moit@s d@s que xa dixeron que non pensan ir (ou non lles deixan) teñen moi claro que o da incineradora vai supor unha auténtica desfeita para as nosas vidas e as nosas facendas. Por que non o din máis claro é cuestión escura que non da tempo de desenfiar; el@s verán.

O máis que apuntaron neste tempo é que o lixo existe e que algo hai que facer con el, resignad@s unha vez máis a aturar outra nos dentes, para el@s e para nos tod@s. Podíaselles ocorrer que é perfectamente posible investigar e incentivar outros métodos e tecnoloxías. Digan o que digan, é o camiño sensato, o utilizado en países aos que sempre nos quixemos parecer; non por envexa ou complexo de inferioridade: viven mellor que nós, aproveitan mellor a vida que se nos dou a tod@s, que diso se trata sempre.

As tres Rs (redución – reutilización – reciclaxe) non nos levan á calella sen sentido que supón SOGAMA, un exemplo desastroso de planificación e xestión que nin a Xunta de Galicia é capaz de negar. Para que nos vai servir unha SOGAMA-2? Afondar no erro é humano pero non imprescindible. E @s galeg@s podemos evitar volver a equivocarnos, sempre podemos. Dende a Plataforma INCINERADORA NO DEZA NON levamos xa meses aportando as nosas conviccións e os nosos esforzos nese camiño.

Tamén coñezo a un tal Jameson, un americano raro, quizás curmán do do whisky. Resulta curioso oílos falar cando se atopan: un dálle que dálle de mundos utópicos que derivan do desexo de cambiar este no que viven, de debuxar mapas que nos permitan coñecer o que vivimos non vaia ser que nos enganen. E o outro xa podedes imaxinar. O tipo vende whisky.

Pero a cuestión está, para min, moi clara. Teño oportunidade de expresarme. Dicir claramente, como se debe, o que penso. Eu vou ir. E se chove e vai frío, na casa turraremos de paraugas e de chapeu e veña. O domingo non vou ser d@s que se atopan nas esqueiras, d@s que non se sabe se soben ou baixan. Amañeza como amañeza eu e @s m@s estaremos alí.

No hay comentarios:

visitantes