na miña casa tiñamos unha zapatería, aí abaixo, na Cacharela
de pequeno, cando chegaba do cole,
meu pai deixábame a cargo daqueles miles de zapatos que tiñamos que vender e el
subía a facer o xantar
eu, mentres, sentábame na porta da
nosa casa ou diante do taller do Lamego, ao sol, e papaba unha boliña da
panadaría da Fonte Sanguiña
xa sei que estamos en Lalín e o sol
é caprichoso pero esa é a miña lembranza: un día solleiro e unha deliciosa boliña
-que máis se podía pedir ...
e case á hora de cerrar para subir
a xantar viñan as rapazas e os rapaces do instituto pola rúa abaixo, que xa
había instituto na Cacharela
eu mirábaos pasar e dábame por
querer ser maior e vir de estudar coma eles toda a mañá, ou nom,
e logo poder ir á Capri ou a outra
cafetería calquera a tomar algo - 'eoquefose'
víñame arriba e tamén soñaba en acabar
o instituto e marchar a estudar a Santiago, para ser profe, xuíz ou médico, ou
algo, e poder un día volver e dicir na casa que por min regalaran os pares de
zapatos todos, que xa nom facía falta vendelos
pasou o tempo e medrei e convertinme nun daqueles mozos e gradueime
e lembro que os meus profes sempre
me dicían que era algo vago e que podía estudar bastante máis do que o facía e
ser o que quixera ser, calquera cousa
e lembro tamén o inmenso alivio que
sentín aquela mañá na que miña nai me espertou e me dixo que xa saíran as notas
do selectivo -
e que aprobara
aquel día librei de milagre, houbo
sorte
pero eu nom pensaba na sorte, só
pensaba en que por fin me iría a Compostela a estudar e a vivir con dous dos
meus mellores amigos, Edu e Toñito, e que ía saír moooito e pasalo moooi ben, a
ver quen me ía poder coutar
pasou o tempo e de nós os tres, eu acabei o que comecei,
Toñito tamén acabou, pero nom como
quería
e Edu nom acabou nada
as cousas nom saíron como
planearamos no instituto -
hai que ter sorte pero a sorte nom
é todo
eu e os meus amigos nom o sabiamos
pero pasaramos, sen case decatarnos, de ser nenos nas súas bicis a ser coches
de carreiras
e daquela a pericia dábanos para conducir,
como moito, un ciclomotor
a nosa potencia superaba por moito
a nosa capacidade de manexo
e volveu pasar o tempo e hoxe lembro aos meus amigos e estou contento de estar aquí
e véxovos de xeito parecido -
sodes 'ferraris', sodes coches de
carreira
pero ser algo así pode ser unha
beizón ou nom
algúns aceleran tanto que, de xeito
paradoxal, nom pasan da primeira curva,
outros van ao xeito e paran en
todas as gasolineiras e cando chegan nom hai nada
e, outros, tamén hai que dicilo,
cren tan pouco en si mesmos que nom prenden nim o motor
eu creo que o importante é atopar o
equilibrio -
e esquecédevos de papá,
esquecédevos de mamá, esquecédevos de quen sexa
porque tedes que ser vós - trazade
o voso rumbo, prendede o motor, aprendede a acelerar, a frear, a dar as curvas
lembrade o ben que sabían as
boliñas quentes antes do xantar e pensade que ben vos vai sentar ese día que
poidades chegar e dicirlles na casa que por vós poden regalar todos os pares de
zapatos, que xa nom fai falta vendelos
e, para concluír, o máis importante - dicirvos que vos quero, que os profesores vos queremos e que aquí
quedamos por se algún día precisades poñervos un chisco ao sol,
comer unha boliña quente ou o que
vos preste
ou pasar polo taller a cambiar o
aceite
moitas grazas por escoitarme e que
teñades, como tiven eu, boa sorte no camiño
@xindiriz
discurso graduación, 2º bacharelato
promoción 2018/2019
25 maio 2019