definicion.de |
desde os 60s do s. XX ata a quebra
que vivimos, a palabra posmodernidade ten designado toda unha época na historia
de Occidente, unha especie de epílogo que tería tornado líquido o carácter sólido da modernidade clásica (Zygmunt Bauman), e ata gasoso (metáfora bastante máis suxestiva
no Manifesto Komunista de Marx e Engels). A modernidade capitalista, viñan dicir, diferenciábase en
que todo o que tiña sido e semellado firme desvanecíase no aire; un proceso de
sublimación que se precipitou unha centuria máis tarde, cando a prosperidade
subseguinte á hecatombe mundial trouxo consigo –xunto con outros factores– un
novo espírito do tempo. Da moral puritana pasouse ao ethos individualista e hedonista; do auxe dos ídolos ao seu, so aparente,
crepúsculo; da sucesión de estilos puros á súa promiscuidade; das utopías que
buscaban a consumación do futuro ao culto á consumición do agora; e, finalmente,
da reverencia á Verdade unha e maiúscula á coexistencia de verdades relativas,
minúsculas e plurais.
en 1979, François Lyotard oficiou o bautizo da época recen nada, collendo
prestado o vocábulo da xerga arquitectónica: confrontada á seriedade e a
coherencia, a conciencia social e a subordinación da forma á función propias da
arquitectura moderna –a de Lloyd Wright,
Le Corbusier ou a Bauhaus–, a arquitectura posmoderna
sería estetizante, incoherente e xovial, ecléctica e sincrética incluso, moito
menos atenta á función que á forma e o seu embruxo. A dilapidación abigarrada e
kitsch de As Vegas foi loada, por Robert Venturi, como o rutilante
emblema desa arquitectura; metáfora á súa vez de toda unha época que culminou
cara 1990, cando o neocon Francis
Fukuyama decretou o presunto ‘fin da Historia’ e o trunfo sempiterno do
capitalismo.
con substancial razón, Lyotard
observou que a característica máis distintiva de tal posmodernidade era a caída
das grandes narrativas que sustentaran o edificio moderno, isto é, da
ideoloxías emancipadoras que o inspiraran desde, cando menos, a Ilustración de Kant e Voltaire ata a oufana década dos 60s. O derrubamento apenas deixou marioneta
con cabeza. En primeiro lugar, o milenario relato cristián da emancipación
redentora deveu en asunto de elección persoal, e xa nom en dogma de fe
obrigado, nun Occidente embriagado pola secularización, a liberdade sexual e a
tecnolatría. En segundo lugar, o relato ilustrado da emancipación da ignorancia
e a servidume pola educación e a Razón sufrira unha dobre erosión, debida por
unha banda aos totalitarismos xerados na culta Europa, e pola outra ao crecente
dominio dunha razón cruamente instrumental que, alén da esfera económica,
estaba a engulir múltiples vertentes da vida pública e privada. En terceiro
lugar, o relato liberal-burgués que prometía a emancipación da pobreza grazas
ao mercado libre foi cuestionado pola flagrante desigualdade na distribución da
riqueza –dentro dos Estados e entre eles–, e por un espolio medioambiental que
comezou entón a facerse patente, sobre todo cando o Clube de Roma alertou sobre os límites do crecemento. E por último,
o gran relato marxista das maiorías mediante a socialización dos recursos –a cada
quen segundo a súa capacidade, a cada quen segundo a súa necesidade: esa
auroral utopía que galvanizara o mundo– resultou en fusca distopía cando a
dobre caída do muro de Berlín e a URSS revelaron o horror do estalinismo,
décadas antes denunciado por pensadores como Camus, Merleau-Ponty ou Koestler.
a posmodernidade que resultou de
semellante afundimento mostra, vista con perspectiva, un saldo plural de
virtudes e defectos, como calquera época histórica. Entre as virtudes cóntase a
extensión das liberdades, garantías e dereitos; a medra das clases medias e o
acceso ao comfort e ao consumo dunha
porción das subalternas; o reemprazo das ríxidas ortodoxias pola heterodoxia e
o relativismo; a relaxación dos tabús e os dogmas, así como a atmosfera de
tolerancia e pluralidade asociada á vida urbana. Por vez primeira na historia,
millóns de persoas outrora desposuídas sentíanse chamadas a sentarse á mesa dos
escollidos, en alas do Estado-providencia e, ante todo, dun Progreso en
aparencia imparábel. A finais dos 90s, cando tamaño soño culminou, Europa e o autoproclamado
‘Primeiro Mundo’ semellaban un balneario de instalados e rendeiros, cuxos
inexpugnábeis muros contiñan as ondas de indixencia planetaria.
entre as carencias e defectos da
posmodernidade, nom obstante, debe incluírse a desactivación do talante e do
talento críticos, tan patente nos ámbitos pedagóxico e político. Ou a tendencia
a abeirar a problemática do mal en beneficio dun narcisismo que atrofia os vínculos
solidarios, fomenta a desafiliación e induce o ‘declive do home público’, en
palabras de Richard Sennet. Ou o
relevo da ética do ser pola do ter, alentado por un consumismo baseado na
creación de necesidades e desexos superfluos. Ou a substitución das ideoloxías continentais por un arquipélago de
illotes ideolóxicos –feministas, ecoloxistas, poscolonialistas ou identitarias–,
tan dispersos que se mostran incapaces de enfrontar a tecnoburocracia
globalizada. Ou a anemia dun pensamento de esquerdas confinado ao reduto
erudito, que a forza de ser servil resulta inofensivo e inane.
engádanse a tales penurias outras de
comparábel fuste, a fin de outear a paisaxe. Así, a rampante mercantilización
da práctica totalidade dos ámbitos sociais, incluídos os de carácter espiritual
e artístico. E a erosión da fráxil secuencia temporal humana nunha época
sinalada, en palabras de Fredric Jameson,
por nom saber nin querer pensarse historicamente. E a proclividade, alentada
pola sociedade do espectáculo, á trivial estetización da economía e a política,
da ética e a cidade, do corpo e os sentimentos, da natureza e a guerra. E a
irresponsabilidade de boa parte dos cidadáns, que á súa condición de súbditos
que se ignoran –dunha democracia roída pola demagoxia, a corrupción e o
decisionismo, por certo– engaden o desvarío de sentirse cómplices do mesmo
sistema que os somete, como se ve neste transo aciago. E, en fin, a miopía
dunhas xeracións que se creron propietarias dun presente pletórico e eterno,
unha utopía do agora e o aquí que ten hipotecado o porvir das futuras.
duns anos a esta parte, sexa como
fose, esa ambivalente posmodernidade dá mostras de patente agonía, arrancada da
súa quimera xovial por unha cadea de sismos no que Occidente se xoga o benestar
que lle queda, ameazado extramuros por unha globalización que está desprazando os
centros de control e riqueza cara ambas ribeiras do Pacífico. E ameazado tamén,
intramuros, polo case unánime delirio de opulencia que nos ten emprazado ante o
precipicio: ideolóxica, política e eticamente desarmados cando máis urxente
resulta dispor de criterios para conducirnos con tento, conciencia e temperanza,
inspirados por esa antiga sabedoría humanista que suxestiona a autolimitación e
a mesura. É hora de espelirse: a posmoderna choqueirada rematou. A crise de
época que atravesamos está tendo xa, xunto á súa cohorte de efectos indesexábeis,
o desexábel de conxurar a estulticia política, ética e estética que por
desgraza colea inda. E tamén el de urxirnos a rehabilitar a plural herdanza do
Humanismo e a Ilustración neste novo tempo cheo de penumbra, a fin de tornarnos
lúcidos e éticos, sobrios e solidarios, cívicos e compasivos. Coas debidas
cautelas, será mester poñer ao día os vellos idearios de emancipación e concibir
outros de cuño actualizado e distinto, porque ao espertar a modernidade
capitalista segue inda aí, inda que máis desregulada, ensoberbecida e
dixitalizada que nunca.
LLUÍS
DUCH & ALBERT CHILLON
artigo
orixinal publicado en El país, 25
febreiro 2012, páxina 27
tradución e deturpación por @xindiriz
tradución e deturpación por @xindiriz