25.12.16

carta a un home num pazo

Gabriel Rufián, deputado de ERC no Congreso
foto: el periódico
o día 24 de decembro de 2016, a iso das nove e pico, un home que vive num pazo pago por todas e todos e que nunca foi refrendado nas urnas falou durante 12 minutos e 22 segundos. falou de España, falou de lei, falou de coexistencia.

xa van 41 veces, 41 anos que isto acontece. primeiro seu pai (que recibiu un voto, dun tal Francisco, pioneiro nas conversas de Nadal alá por 1937). o home chámase Felipe de Borbón e cobra, quizás polo seu apelido, 7700000 euros anuais.

neses 12 minutos, aparte de falar da 'herdanza común' (entendo que nom se refería á súa) e do 'valor da familia' (entendo que nom a súa), falou de 'unidade' e de 'nom quebrar normas' (entendo que nom ser refería ao caso Nóos nin a un seu cuñado) que poidan facer perigar unha suposta recuperación económica que seguro é perceptíbel desde os preciosos e coidados xardíns da Zarzuela, o 'noso' pazo. mais convén puntualizar, por alusións.

unha urna nom separa nin divide. divide e separa un desaloxamento, nom votar. divide e separa unha cola fronte á porta dun comedor social, nom fronte á porta dun colexio electoral. divide e separa ter que elixir entre comer ou pagar a luz, nom escoller 'si' ou 'nom' nun referendo. divide e separa pagarlle un safari a un home que mata elefantes, nom pagar unha convocatoria electoral. divide e separa responder a centos de miles de persoas que saen á rúa cada ano e a unha maioría parlamentaria total e absoluta con hipocrisía, ameazas veladas e paternalismo pre-democrático.

Felipe VI, rei de España
www.politica.elpais.es
para concluír, o que ameaza a soberanía (e o respecto) do pobo nom é un referendo; é ter Borbón como apelido, e falar a iso das nove e pico cada 24 de decembro de 'unha España de brazos abertos e mans tendidas onde ninguén axite vellos rancores ou abra feridas clausuradas', nun país con 120000 persoas que seguen nas cunetas 80 anos máis tarde.

a disxuntiva, agora, é sinxela. hai quen defende o referendo dun rei e quen defende o voto referendado polo pobo de Catalunya, Euskadi ou Galiza (tamén Galiza). con parolas como a do 24 de decembro de 2016 a iso dás nove e pico, dannos razóns a uns e sitúan o foco sobre outros. o 2017 veremos todas e todos. feliz ano republicano.

texto deturpado (carta a Felipe VI), de Gabriel Rufián, deputado de ERC, publicado en diversos medios (versión iniciativa debate)

deturpación de xindiriz

6.12.16

marcas do mosteiro de Oseira entre Dozón e O Irixo

marca do mosteiro de Oseira
pedra fita entre Dozón e O Irixo
os dominios do mosteiro de Oseira chegaban desde tempo inmemorial ás terras de Dozón, que foi Coto Real, conservándose algúns dos marcos xurisdicionais do cenobio cisterciense no lindeiro entre este concello e o de O Irixo nos lugares coñecidos por Brañas de Lagorzas, Monte das Mámoas, Marco de Pulgán e Coto Xacente. De marco podía facer calquera elemento existente que tivera certa notoriedade con respecto ao entorno reutilizando mámoas ou menhires ou construíndo un ao efecto aproveitando unha lousa ou un penedal. En todos eles, para distinguilos convenientemente, facíanse gravados con símbolos e inscricións. No percorrido que fixemos recentemente por este territorio lindeiro da nosa comarca atopamos varios marcos con petroglifos, algúns deles inéditos que referimos neste artigo.

montaxe fotográfica mostrando as tres caras da pedra fita
o primeiro marco atopase chantado ao pé da estrada local que vai de Dozón a O Irixo marcando os lindeiros destes concellos. Trátase dunha pedra fita de 1,5 metros de alto no que está a vista por 0,40 de ancho e que pola forma debeu ser un menhir na prehistoria, presentando varias coviñas e riscos antigos daqueles tempos remotos, aos que se superpuxeron na parte inferior unha “cruz pometeada” duns 50 cm. a cada xeito, que coidamos fai referencia ao Mosteiro de Oseira e xa en tempos mais próximos e as letras “D.” e “I.” abreviaturas dos concellos de Irixo e Dozon a cada lado do marco gravadas a medidos do pasado século polo Instituto Xeográfico Catastral (IXC).

semellante cruz e as marcas “M.149” que, segundo o amigo Pablo Sanmartín, foron feitas nos anos 40s do pasado século polo IXC para marcar o “mojón 149” nesa demarcación, figuran nunha lousa dunha mámoa que forma unha necrópole nas inmediacións do marco referido, no coñecido por Monte das Mámoas tamén no lindeiro entre Dozón e O Irixo. A mámoa sinalada nos mapas coma Mámoa de Segade, anda polos vinte metros de diámetro por dous de altura e conserva milagrosamente os esteos que forman o dolmen, aínda que falta a lousa que facía de tapadeira. Na cara oposta a inscrición de Oseira figura outra coa lenda “S. Salvador de O”.

na cima dun dos esteos tamén se poden ollar un par de coviñas que puideran ser anteriores á construción do enterramento. A anta estaba oculta por un espeso mato que tivemos que rozar e unha sinal do Couto de Caza de Dozón polo que o supoñemos que o petroglifo estivo inédito deica a actualidade.

mámoa de Segade
o campo de mámoas referido cos enterramentos dos antigos habitantes destas terras entre os séculos –V e II, está catalogado pola D.X. do Patrimonio coa denominación de conxunto de Mámoas de Segade ao acharse próximas a este lugar da parroquia de San Cosme de Cusanca (O Irixo). Ao longo dun antigo camiño que arrinca da estrada de Dozón ao Irixo e vai polo lindeiro destes dous concellos nunha liña de pouco mais un quilómetro e medio aínda poden apreciarse na actualidade media ducia de mámoas que dende a súa ubicación ao carón dos setecentos metros de altura ofrecen unha impresionante panorámica dos contornos. Todas elas andan polos 20 metros de diámetro e alturas de case 3 metros, aínda que algunhas foron rebaixadas por labores agrícolas e todas, agás a referida das marcas, semellan violadas podendo ollarse buratas de distinta consideración como consecuencia de serlles retirados as lousas que formaban o dolmen. 

na encrucillada do camiño que vai de Abeledo a Cruz da Grade e os que baixan a Sanguiñedo (Dozón) e O Castro (Cusanca-Irixo) a pouco mais de 500 metros do casarío abandonado do Foxo do Cabrito, atopase un marco xurisdicional que debeu ser desprazado ficando deitado na actualidade cando o ensanche da pista polas obras do TAV que deixaron unha escombreira nas inmediacións e do que nos dou conta o investigador lalinense Antonio Presas que publicou recentemente un traballo sobre esta pedra fita-menhir. 

marca de Oseira nun dos esteos da mámoa de Segade
trátase dun penedo de xisto con cuarzo que supera os 2 metros de altura por 0,5 na parte mais ancha e presenta unha cruz latina moi erosionada e medio cento de coviñas dispostas en varias ringleiras de canles na parte superior e varios riscos na parte inferior. O marco podería ser a denominada “Piedra de Sumadeiro” que figura como lindeiro de Sanguiñedo polo S. no Catastro da Ensenada situado preto de outro coñecido polo Marco de Pulgán que segundo contan os veciños foi destruído en tempos recentes.

nesta divisoria entre Dozón e O Irixo, localizamos tamén petroglifos inéditos deica o de agora no Coto Xacente, preto xa da Cruz da Grade onde a maiores concorre o lindeiro do concello de Lalín. Nun penedal de xisto vese unha cruz latina moi desgastada pola erosión e unhas vinte cazoletas de entre 5 e 7 centímetros dispostas sen aparente orde nunha rocha chaira de uns 6 metros cadrados. 
Subliñar que nas proximidades do enclave arqueolóxico referido está o castro de San Mamede de Cusanca (O Irixo) e un campo de mámoas preto do alto do San Martiño (Biduieros-Dozón) a pé do Camiño Castelán de peregrinación a Compostela. 

artigo de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

fotos de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN e PACO LÓPEZ CUÍÑA

montaxe fotográfica de PABLO SANMARTÍN

[AGRADECEMENTOS]: para rematar queremos agradecer aos amigos Manuel Regueiro, Paco López Cuíña , Manuel Méixome, Pablo Sanmartín e Alex Negreira a súa colaboración no traballo de campo e as fotos, e a Luís Fernando Pérez, Antonio Presas e Cesar Gómez Buxán, as súas achegas para a realización deste artigo

publicado en faro de vigo - edición deza, o 4 de decembro de 2016 e en facebook, no muro de DANIEL GONZÁLEZ ALÉN

visitantes