cartaz da pgdep, que estes días está a celebrar mobilizacións en relación co tema do que fala a carta |
queridos
desgobernos:
somos
un grupo de alumno/as de 2º bacharelato do IES Laxeiro de Lalín, aínda que
poderiamos ser de calquera outro instituto de Galicia ou de España. A día de
hoxe, 16 de outubro de 2016, xa transcorrido un mes de clases, aínda non temos
coñecemento do tipo de proba que nos permitirá acceder á Universidade. O
profesorado non dispón das directrices correspondentes a ese exame, o cal
provoca desconcerto e preocupación; non sabemos a data da súa realización, nin
as materias das que nos debemos examinar, tampouco os contidos, nin o tipo de
preguntas.
nós
somos estudantes do ensino público, ao cal defendemos por enriba de todo porque
é a única posibilidade para que todas as persoas poidan ter acceso á educación.
Se estiveramos no ensino privado, ao mellor non tería tanta importancia porque
nos poderiamos pagar calquera universidade e non nos importaría a nota desa
proba, pero para nós representa a noso futuro.
por que
en España non hai un acordo entre todos os partidos políticos sobre a
educación? Por que quere o goberno implantar unha lei educativa que non está
consensuada coas outras forzas políticas (na actualidade no Congreso hai unha
maioría que rexeita a LOMCE) nin está aceptada por toda a comunidade educativa?
Por que se xoga deste xeito co futuro dos mozos e mozas, co futuro deste país?
Por que non se asumen responsabilidades ante un fracaso como é o inicio dun
curso sen ningún tipo de planificación? Que dimitan os responsables! Por que as
leis educativas non contan coa opinión dos que están directamente implicados
nelas: alumnado, profesorado, familias, pedagogos, ...? Por que non deixan de
facer leis nos despachos con intencionalidade política que non resolven os
problemas reais da educación? Por que se ignoran as reivindicacións do alumnado
e do resto da comunidade educativa en torno á LOMCE? Ter maioría absoluta nun
goberno non significa non escoitar nin non dialogar. Este é a Democracia que
queredes? Se é así, para que imos votar?
con
esta carta convidámosvos a que reflexionedes: aos gobernantes, ao profesorado,
aos estudantes, á sociedade en xeral. Se queremos cambiar as cousas para
melloralas é necesario, como diría Sócrates, o diálogo como base de compromiso
polo ben común, do contrario estaremos nunha gaiola de grilos que só pode traer
escravitude e ignorancia.
texto publicado en faro de vigo, edición deza, 20 de outubro de 2016