|
panorámica do convento de Ribadavia
www.ribadavia.net |
CUSANCA, Frei Afonso de. Naceu probablemente antes de finalizar o segundo
terzo do s. xiv en Cusanca (ou a aldea próxima a Iria, Padrón ou –esta parece a
opinión máis certeira– a sita na freguesía de Irixo, Ourense. «Foi este insigne
relixioso un dos grandes homes que floreceron na Orde de Santo Domingo e deron
gloria á igrexa española na primeira metade da décima quinta centuria». O historiador
Ávila y la Cueva cree que era irmán de Xoán, a quen sucedeu no provincialato, e
coma el naceu en San Cosme de Cusanca, que entón pertencía á xurisdición da
Orde de Malta. Ingresou moi novo no convento de Ribadavia, como afirma o pai Bujarin
no seu Santoral de la Orden e testemuñan
documentos daquel arquivo. Unha vez emitidos os seus votos relixiosos, frei Afonso
consagrouse de pleno ao estudo: obtivo o grao de doutor, dedicouse ao ensino e
chegou a ser un dos primeiros oradores do seu tempo. A súa actuación docente foi
tan relevante que o pai Medrano exprésase nos seguintes termos: «Grande opinión
tiña nestes preitos o Mestre Frei Alonso Cusanca, pero as súas prendas e méritos
vencían o crédito e a opinión. Despois de ter empregado moitos anos no ensino da
Sagrada Teoloxía, ocupoulle a obediencia
en varios priorados, nos que dou gran sensación de xustiza e disciplina». Segundo
manuscritos do arquivo conventual ribadaviense, frei Afonso foi prior do convento
de San Pedro Mártir de Toledo, sen sinalar data. O que si está documentado foi
o seu priorado e procuradoría do de Ribadavia, onde gozou de tal prestixio que
mereceu ser nomeado testamenteiro na comarca en varias ocasións. Murguía di que
no seu priorado debeu construírse o mellor deste convento. Dende 1406
desaparece o seu nome nos documentos de Ribadavia, «polo que hai que supor loxicamente
o seu traslado a outros puntos para ocupar cargos máis relevantes». En 1412
desempeñaba o alto posto de provincial de España. Confesor de Henrique III, segundo
o pai Medrano; tamén da raíña Catalina de Lancaster, e, igual que seu irmán
Xoán, de Xoán II, como afirman Medrano e o pai Risco (Medrano: «Formou a primeira
infancia do Rei -Xoán II- como Mestre, y despois coma Confesor, o Mestre Frei
Afonso de Cusanca; durou neste emprego ata o ano 1410, en que os seus méritos, e
a gratitude do seu Real discípulo, elevárono á Mitra de Salamanca»). O pai Pardo
di que Medrano non estivo acertado ao fixar 1410 como o ano en que cesou frei
Afonso no seu cargo palatino por ter sido nomeado bispo de Salamanca, porque xamais
rexeu esta diocese, inda que unanimemente o afirman os historiadores seguindo a
Gil González Dávila. Fronte á tese negativa do pai Pardo, o historiador
Eleuterio T. Andrés asegura que frei Afonso gobernou a diocese salmantina dende
1413 a 1420, precisamente nos anos nos que non é posible atopalo noutra parte.
Logo pasa á sé episcopal de Ourense, para a que foi preconizado –segundo o pai Eubel–
o 6 de marzo de 1420, onde era provisor o dominico galego frei Lope de Galdo,
procedente do convento de Viveiro e non de Ribadavia, como erroneamente di Fernández
Alonso, a quen atribúe tamén o goberno do bispado, por crer que o pai Cusanca non
chegou a rexer esta diocese. Dito extremo non puido ser comprobado nin na
biografía do pai Galdo nin nos documentos que obran no arquivo episcopal. Do seu
paso por Ourense, o pai Flórez afirma que o 1 de xaneiro de 1421 despachou o título
de xuíces que por foro da sé tiñan que administrar xustiza. Tamén consta –e así
sinala o propio Fernández Alonso, contradicíndose– que en 1422 obtivo do Papa
Martín V unha bula mediante a que comisionaba ao chantre de Tui para litigar
cos ministros do concello, que pretendían facer pagar pechos aos eclesiásticos
do bispado. En 1424 o pai Cusanca foi promovido á sé de León, diocese na que puxo
de manifesto as súas altas dotes de gobernante e lexislador. Ditou en xuño de
1426 unhas interesantes Constitucións Sindicais que, segundo o pai Risco,
ocupan un lugar honorífico entre as Coleccións conciliares. Estas Constitucións
obedecían á necesidade de por urxente freo «aos desmandos e extralimitacións
constantes de cabaleiros, escudeiros, donos dos pobos do bispado, que inferían
impunemente os maiores agravios aos cregos, inmiscíndose no goberno da Igrexa e
usurpando a xurisdición espiritual propia dos párrocos e demais pastores da grea
Cristiá». Promulgou outras constitucións contra os cóengos, beneficiados e restantes
membros da súa igrexa que se inxuriasen mutuamente, en cuxa virtude se
castigaba o delito con multas severas, proporcionadas á gravidade do mesmo. En
1434 rexeitou o traslado á diocese de Osma e seguiu en León ata a súa morte,
acaecida probablemente en 1437, ano no que lle sucedeu Xoán de Mella. Como
indica o pai Olmeda, recibiu sepultura na catedral leonesa e non no convento de
Ribadavia, onde se supuña que pasara os últimos días. Foi, sen dúbida, un xeneroso
benfeitor do convento ribadaviense, ao que fixo espléndidas doazóns.
CUSANCA, Frei García. Tamén dominico, profesou no convento de
Ribadavia, onde ocupou o cargo de procurador ou mordomo en 1430, dedicado
preferentemente ao ensino. No Capítulo xeral celebrado en León ao ano seguinte
designóuselle para rexentar a cátedra de Sentencias no Estudio Xeral de San Paulo
de Valladolid. En agosto de 1433 foi elixido prior do seu querido convento
ribadaviense, que desempeñou varios anos.
CUSANCA, Frei Xoán de. Igual que seus irmáns, ingresou nos dominicos.
Profesou no convento de Ribadavia e, debido aos seus vastos coñecementos, encomendáronselle
labores didácticas. En 1424 pasou, co título de mestre en Filosofía, ao convento
de Tui. Foi provincial de España e confesor de Xoán II en 1411, así coma vicario
e finalmente prior do convento de Ribadavia.
REFERENCIA BIBLIOGRÁFICA
VILANOVA RODRÍGUEZ,
ALBERTO: Gran Enciclopedia Gallega
(tomo 8), voces CUSANCA, Fray Alfonso de – CUSANCA, Fray García – CUSANCA, Fray
Juan de; pp. 165-6.