I
En
Galiza temos o privilexio de vivir a cabalo de dous ámbitos lingüísticos ricos
e frondosos. Falamos galego, lingua irmá do portugués, que nos debería ligar
coa lusofonía, e falamos castelán, lingua espallada tamén por todo o mundo. Pero
os acontecementos políticos e sociais dos catro últimos anos non permitiron resolver
as complicacións nin aproveitar as vantaxes que a situación lingüística da nosa
terra nos plantexa.
Dende os
inicios do sistema democrático e autonómico as leis sobre a cuestión
lingüística sempre se aprobaran cun amplo respaldo político. As disensións,
tamén importantes, viñan da man da aplicación real das normas. Para uns, maioritariamente
sectores nacionalistas e de esquerdas, as normas amparaban unha política de
inmersión lingüística que non se acababa de producir pero imprescindible para a
normalización da lingua minorizada, o galego; para outros, o PP e sectores do
PSdG-PSOE, a aplicación era a axeitada e equilibrada, incluso demasiado pro-galeguista.
Estas
tensións latentes na aplicación práctica das normas fixeron saltar polos aires
o consenso lingüístico. O goberno bipartito PSdeG-PSOE/BNG aprobou unha nova
norma (Decreto 124/2007) que, moi lonxe de promover a por algúns desexada
inmersión lingüística, inda así non contou co consenso do PP, onde os sectores
máis pro-galeguistas xa perderan peso fronte aos sectores máis centralistas, e
polo tanto, menos proclives á defensa da lingua propia de Galiza. É cuestión de
discutir a quen se debe responsabilizar por romper o consenso normativo pero o
caso é que se rompeu e o galego pasou a ser un motivo de enfrontamento aberto.
II
O que
din os informes lingüísticos e o que resulta evidente se se observa a presenza
de galego e castelán no noso entorno é que, de precisar protección, a lingua
que a precisa é o galego, non o castelán, suficientemente consolidada en
Galiza, o estado español e probablemente no mundo. Non sei vós pero eu teño que
esforzarme por ler un xornal en galego, por ver unha película en galego, por
escoitar bo rock en galego. Non sucede así co castelán, e tampouco co inglés. E
nas cidades, onde se cocen as cousas, o galego sofre un absoluto retroceso
entre a xuventude: os que falan galego case son bichos raros, incluso che din,
“a ver di algo en galego.”
Neste
sentido cómpre lembrar do concepto de discriminación
positiva, consistente na reserva dun espazo de presenza mínimo obrigatorio
a un colectivo que precisa especial protección para o seu desenvolvemento, xa
que as persoas que o engloban, se non se fixera isto, nunca poderían acadar un
mínimo de participación na sociedade ou acceso a dereitos que o resto da
poboación goza.
Pensade
nas políticas feministas, nas políticas de protección de minorías raciais e lingüísticas.
Ou para ser máis gráficos, pensade na política de bolsas de estudos.
Compañeiras e compañeiros vosos non poderían ir á universidade inda tendo
demostrado capacidade abondo se non fose porque o estado lles axuda economicamente
cando as súas familias non o poden facer.
Neste contexto
é onde debemos analizar a lexislación actual e ter argumentos para determinar
se o galego conta nela coa protección que precisa.
III
No
repaso da norma abondará con fixarnos nalgún exemplo escollido, pero significativo
do que a norma no seu conxunto pretende. Empecemos, por que non, polo final.
No
decreto 124/2007 creábanse os “Equipos de normalización e dinamización
lingüística”. Na disposición transitoria primeira da actual norma estes pasan a
denominarse “Equipos de dinamización da lingua galega”. Este feito reflicte ás
claras a intención do novo lexislador.
Primeiro,
se o castelán está en perigo tal e como se di no preámbulo da norma onde se
fala dun posible cambio do “modelo de conxunción de linguas … aceptado por
todos,” eu pregúntome por que non se dinamiza o castelán; a resposta é porque
non o precisa en absoluto.
Segundo,
suprímese a palabra normalización. Será porque o uso do galego xa está
normalizado?, evidentemente non, non o está. Insistirei cun exemplo deste ies.
Cada certo tempo, cando nos peta e temos tempo xuntámonos un grupiño para
traducir textos do inglés preferentemente. E, de non insistir noutra cousa, de
sete, a maioría fai as traducións ao castelán.
O
galego, para sobrevivir, precisa impulsos amables, pero contundentes.
IV
Se non
houbera problema abondo e aproveitando o tan manido concepto de globalización,
no mesmo saco inclúese o ensino do inglés, dando opción a que materias non lingüísticas
se impartan nesta lingua. Parece ser que o plurilingüísmo no ensino debe vir
por aí e que aumentar as destrezas do alumnado en lingua inglesa encadearanos
ao mundo definitivamente e nos salvará do noso illamento.
Así, a
norma establece un equilibrio ao non poder superar ningunha lingua, nunha situación
ideal, o 33% de materias impartidas por nivel de ensino.
Para
empezar, que se afonde na aprendizaxe do inglés é fantástico, quen o vai
dubidar. Pero hai que ser coidadoso coas medidas que se establecen. Os
profesores máis preparados para ensinalo, mentres non se demostre o contrario,
seguimos a ser os profesores de inglés. Non se debería cargar excesiva responsabilidade
nos doutras especialidades porque non é o seu.
Que se
podería facer para que o alumnado aumente significativamente o seu nivel en inglés?
Refórcese o currículo desta lingua dende idades máis temperás con máis carga
lectiva e con ratios significativamente menores. Refórcense os medios materiais
nos centros de ensino: hai outras materias que deben ser impartidas en aulas
específicas, coma música, educación plástica e visual ou tecnoloxía; nada se di,
pola contra, de que os centros deban ter obrigatoriamente un laboratorio de
idiomas. Probablemente xa se estean a tomar algunhas destas medidas, pero de
xeito absolutamente tímido e cunha progresión no tempo lentísima.
V
Xa
existe algo semellante ao que estipula o decreto: as seccións bilingües, que teñen
aspectos moi positivos pero son radicalmente diferentes ao previsto na
lexislación de plurilingüísmo e centros plurilingües.
Nas
seccións bilingües participa o alumnado que así o desexa porque está disposto a
afrontar o reto, probablemente teñen as mellores cualificacións e non só en
inglés e na materia afectada. Nos centros plurilingües participará todo o
mundo, os que estudan e os que non o fan, os que teñen boas cualificacións e os
que non, os que levan os cursos sen repetir e os que teñen tido que facelo. É
lóxico pensar que o alumnado con peor rendemento terá resultados inda peores se
deben estudar certas cousas en inglés, especialmente naquelas materias con
maiores porcentaxes de fracaso.
Outra
dificultade a ter en conta. Ao alumnado non se lle pode esixir aprender física-química
nivel 3º eso con nivel inglés 3º eso, o razoable é que se adquira previamente un
nivel superior de inglés para que o vehículo de comunicación non sexa un
problema e as dificultades xurdan unicamente do estudo da materia non
lingüística. Habería pois que aumentar ou adiantar as vosas destrezas en lingua
inglesa. E a lexislación non prevé ata o momento absolutamente nada ao
respecto.
VI
Centrémonos
novamente na situación do galego. No decreto cítase, como cuestión básica, a
noción de “equilibrio” ou “oferta equilibrada” entre galego e castelán. O que
se debería pretender é que a realidade sexa equilibrada. Pouco importa que a
norma o sexa se non consegue que a realidade mude. E a realidade ten que mudar.
E para que o faga igual as materias estudadas en galego deberían superar
amplamente o 50%, a timorata proposta do tan denostado decreto 124/2007 do
anterior goberno bipartito.
Se hai
que repetilo unha e mil veces faise. En Galiza non hai equilibrio real no uso
das dúas linguas cooficiais. Non o hai. Non teñen a mesma consideración social
e o número de falantes de cada unha é totalmente desigual.
Outra
cousa será o que se diga nos xornais, maioritariamente en castelán por certo.
Certamente reflicten de cando en vez o que persistentemente indican os informes
científicos, pero inda sen tempo nin medios para facer un estudo sobre o tema
intúo quen aparecerá coma radical e quen coma moderado, quen coma aldraxados nos
seus dereitos e quen serán os que cometen as tropelías. Pero iso hai que
testalo cientificamente, citar números, casos, non elevar as anécdotas a
categoría como se leva feito. Eu insisto en que nos fixemos no que temos a man.
VII
Inda pode
haber máis. Este decreto, simplifica o sistema educativo, refórzao, consolídao?
Ou contribúe a disgregalo, a provocar diferenzas e guetos?
Na
determinación da lingua na que se deben impartir as materias non lingüísticas
non se establece ningunha medida de coordinación, nin sequera a nivel comarcal ou
local. Cada centro pode decidir libremente, outro concepto, o da liberade de
elección, ao parecer tamén salvífico.
Que
ocorre entón se alguén que teña estudado unha materia “A” nun centro en
castelán se ten que marchar a outro lugar e resulta que alí o centro é
plurilingüe e a materia se imparte en inglés? Claro sempre lle podemos dicir
iso tan pedagóxico de “que estudie!!!!!”.
E xa sei
que o decreto repite unha e outra vez que se extremarán as medidas de
coordinación para que se axude ao alumnado que presente déficits pero para iso
tampouco van vir máis profesores; sería a primeira vez. Non vai ser que nos
contradigamos e pretendendo formar parte da globalización esteamos a crear
“territorios” artificiais dentro do noso.
E é
certo que a norma di non renunciar a avaliar competencias do alumnado nas dúas
linguas ao final de cada etapa educativa e tomar decisións se os resultados non
mostran equilibrio. Pero fálase de “avaliará” e de “desenvolverá”, nunha
disposición derradeira, sen precisar instrumentos nin momentos. Moito me temo
que igual pasa o mesmo que coa famosa “Avaliación de diagnóstico”, en Galicia
celebrada tan só un ano con poucas consecuencias na práctica, que se saiba.
e VIII
Concluíndo.
Con esta norma o galego pasa de ter un rival a ter dous, a saber cal máis
poderoso, mentres se segue a insistir tercamente que xa está normalizado.
Eu
discrepo absolutamente da análise do lexislador e da súa norma, pero tamén creo
que as galegas e os galegos que veñan logo de min falarán galego se os que
agora o facemos seguimos a esforzarnos por promover iniciativas atractivas e
tolerantes que impidan que as lapas nin se apaguen nin brillen só, temerosas de
ser, nun recuncho afastado ao que ninguén teña interese en ir, un recuncho que
incluso os que nel malviven queiran deixar para non volver nin lembrar nunca
que nel viviron e morreron seus pais e seus avós.
texto publicado en Kcharela, revista escolar do IES LAXEIRO no curso 2010-11
No hay comentarios:
Publicar un comentario