Dende que o conselleiro Hernández anunciou a instalación dunha incineradora
de residuos en O Irixo ata hoxe non houbo anuncio oficial renunciado ao
proxecto. A empresa afirma que a Xunta non lle comunicou nada. O único acordo oficial
relacionado co tema fala da ampliación do vertedoiro de Areosa (Cerceda), proba
de que a cantidade de lixo que xeramos diariamente non fai máis que medrar e de
que non se da feito bo dela.
Nas reunións mantidas co alcalde levamos oído moitas cousas, unha detrás
doutra. Por exemplo, que se sentira traizoado polo conselleiro, un amigo persoal,
cando o chamou xusto antes do anuncio oficial para advertirlle do que ía pasar.
Non lle fixera caso ningún. Pero agora hai que crer o que afirma o alcalde cando
di que o seu amigo lle dixo que a cousa non se vai facer. O mesmo conselleiro e
o mesmo alcalde. Primeiro amigos persoais, logo con pareceres moi distintos e
sen amizade e finalmente de acordo. Pero igual non tan amigos. Ou si. Non sei
se se me entende.
O señor Crespo tamén dixo que el non era quen para anunciar nada. Era competencia
do conselleiro. Pero isto tamén mudou, volve ser competencia súa transmitir
mensaxes.
O único certo é que seguimos con rumores. Casualmente, cada vez que @s do NON
Á INCINERADORA convocamos iniciativas (agora a sinatura da ILP), xorden rumores
para desmobilizar á xente que nos apoia. Moit@s acaban pensando que a cousa xa
a loitamos e que a incineradora non se instalará. Se inda por riba o di o
alcalde.
Coa satisfacción polo traballo supostamente feito, o señor Crespo manexa argumentos
que lle deben parecer sólidos, porque os repite con insistencia. Repasemos. A saúde
das persoas non lle preocupa, porque só fala de imaxes: non quere chemineas e
fumes pouco estéticos próximos a eses lugares do municipio que el e o seu
equipo de goberno se van encargar de promover polo mundo para que a xente deixe
moreas de cartos nos nosos petos cando nos veñan visitar.
Logo afirma que o modelo de tratamento de residuos é bo e non hai que
mudalo. Pero as cifras din o contrario: poden pagar os concellos, incluído o
noso, o sistema actual, que el sabe que é deficitario?, promóvese a redución do
lixo e a recuperación significativa de materiais útiles (papel, vidro, ou
plásticos)?, logo de custes e beneficios, prodúcese ou consúmese enerxía mediante
a incineración?; e hai máis, pero non quero aburrir.
E terceiro, algo que me asombra, o compost
seica “non hai quen o queira.” Pero se o venden no super a prezo de ouro, producido en Alemaña ou Cataluña. Aquí temos
sempre outras prioridades; e cada vez máis montes queimados que agradecerían
toneladas de compost de calidade.
O señor Crespo podería argumentar, pero non quere, o que moit@s dicían e
din en O Irixo: “a merda de V*** (por non molestar a ninguén) para V*** e a
nosa xa a comeremos nós.” Galicia, sendo un país pequeno pero moi heteroxéneo, debería
buscar solucións diferenciadas segundo a zona; a nosa, unha vila rodeada dun
rural inda vivo, non precisa compartir os problemas que ocasiona SOGAMA. Pero
non, temos que ir tod@s polo mesmo camiño.
Fronte a iso propoñemos unha alternativa merecente de atención e estudo,
asimilable ao que se promove dende a Unión Europea. A nosa proposta
lexislativa, a ILP, terá cousas mellorables pero marca un cambio de rumbo
razoable no tratamento dos residuos urbanos: moito máis inocuo, moito máis
emprego, e sustentable financeiramente. É un camiño factible e realista e todo
o que se desvíe del, lévanos a onde estamos agora. A rezar que a merda e a
contaminación llas leven a outros, non a nós. Porque, amig@s, iso si, sen mudar
o modelo, as incineradoras son necesarias.
E para rematar, o día do Cocido estivo en Lalín o señor Feijoo, o home que
ten a última palabra. Aquel día o señor Crespo tíñao xusto ao lado e non fixo
nada semellante ao que fixemos nós: falamos claramente, erguemos respectuosamente
o carteliño INCINDERADORA NON. Unha mágoa. Estes días si se manifesta. Cando un
leva ao lombo tantas maiorías absolutas pensará que pode dicir o que sexa. Pero
esqueceuse de que nesta película nós, as plataformas cidadáns contra a
incineradora (Irixo, Carballiño e Deza), movémonos e a pesar dos moitos paus
nas rodas puxemos as cousas no seu sitio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario