7.12.23

entender o mal sen xustificalo

comprender e definir o mal parecería sinxelo, pero a revisión dos estudos que abordan o tema ao longo da historia demostra que a tarefa está lonxe de ser doada. o debate é amplo e inclúe aspectos moi variados; por exemplo, localizar a orixe do mal, situándoo ben na a propia natureza do ser humano ben na 'maldade' ou capricho dos deuses, entre outras localizacións. tamén se ten tratado de comprender por que e cando exercemos o mal; é dicir, considérase importante discernir que se considera un acto de maldade.

a cuestión ten espertado fascinación e interese tanto entre ilustrados como entre profanos, desde os propios filósofos ata o espectador que devora películas sobre o nazismo no sofá da súa casa. e o concepto de mal ten dependido da cosmovisión do momento e a crenza nun deus creador ten influído especialmente na cuestión.

Platón sinalaba o mal como un acto ignorante, unha imperfección do ser humano en medio da orde do universo. antes da concepción xudeo-cristiá, o home erraba sen vontade. coa aparición dun deus creador xorden outras disquisicións. Ana Carrasco-Conde, autora de dicir o mal. comprender nom é xustificar, explica que se formula un dilema: sendo Deus bo, como é posíbel que permita a existencia do mal.

ábrese así unha das grandes liñas do pensamento occidental que sinala que o mal procede do ser humano e a súa vontade. 'é un defecto colateral dunha graza', segundo Carrasco-Conde. Agostiño de Hipona, cunha mirada medieval, dirá que o que ten feito Deus é darnos un ben, a capacidade de elixir o que queremos facer, o que ocorre é que podemos confundirnos ao decidir se algo é bo ou nom. 'tomamos malas decisións. de novo o mal está vinculado á crenza de que algo nom ten ido de maneira adecuada', evidencia a filósofa.

subliña ademais a necesidade histórica constante de escusar a Deus e ás veces a nós mesmos de cometer o mal, asociándoo a un erro, a unha especie de forza maniquea ou unha entidade nociva que o introduce no mundo ou incluso a un fallo da razón, xustificando o mal por culpa de instintos, enfermidades ou un funcionamento psíquico incorrecto.

na modernidade, coa morte retórica de Deus da que falaba Nietzsche, aceptamos que o mal se pode exercer de plena vontade. nom obstante, persiste a crenza de que quen o exerce ou ten problemas mentais ou o fai buscando un fin propio. novamente o mal atopa xustificación. 'debemos ser conscientes de que hai persoas que fan o mal polo mal mesmo e atopamos moitas figuras deste tipo ao longo da historia', lembra a filósofa.

Carrasco-Conde cita a Kant, 'o mal é unha queixa tan antiga como a historia', apunta que temos normalizado as exacerbacións do mal porque as asumimos como parte da especie humana. o asasinato ou a tortura quebran a nosa comprensión, así que asociamos eses comportamentos ao descontrol. desta maneira eses actos quedan fóra da nosa responsabilidade e forxámonos unha razón para a inacción. incluso as temos 'espectacularizado nunha especie de exhibición do horror', engade a profesora.

isto permítenos desfigurar o camiño que media entre un mal menor, cotián, e os grandes sucesos. pero a filósofa subliña que eses males extremos nom veñen da nada e 'pensamos que nom nos afectan, mais claro que nos afectan porque forman parte da dinámica social na que vivimos'. reconstrúe a conexión establecendo que todas as persoas exercemos dano, pero de dous tipos diferentes.

o primeiro é o dano necesario, 'como o que sofres cando vas ao dentista', exemplifica. o outro é o innecesario, como podería ser un insulto, e sobre o que temos a opción de actuar. podería parecer intranscendente, pero é a magnitude menor nunha escala do mal que ten como manifestación extrema as guerras e os grandes crimes. Carrasco-Conde pon un exemplo claro: un feminicidio nom é máis que a punta do iceberg do sistema que sostemos de maneira individual con comportamentos machistas como cando contamos un mal chiste.

tendo en conta esta identificación, e a pesar de ter múltiples exemplos de persoas que exercen a maldade extrema ao longo da historia, Carrasco-Conde rexeita unha visión negativa do ser humano. pregúntase de xeito retórico: 'se somos malos por natureza, que podemos facer máis que cruzarnos de brazos e aceptalo?'.

a filósofa convida a distanciarse do fatalismo antropolóxico e iniciar unha tarefa moito máis complexa: afrontar cal é o dano que facemos que nada ten que ver coa nosa natureza, mais coa nosa vontade e as inercias que se xeran no noso xeito de vivir. neutralizar ese dano innecesario axudaría a sinalar o mal e romper as súas dinámicas na sociedade.

esta liña de pensamento que subliña os actos individuais xa a seguiu o sociólogo alemán Siegfried Kracauer cando se preguntou por que nom estudar os factores de comportamento das persoas para explicar o nazismo. Hitler é sen dúbida un dos personaxes que exercen o mal polo mal, o que Hannah Arendt cualificou como 'o mal absoluto'. o seu caso propón a análise do personaxe, mais tamén require un escrutinio da sociedade. Joan Solé, especializado en totalitarismos, historia e filosofía, propón unha pregunta que todos nos facemos: 'como chegou ao poder un personaxe vulgar como Hitler co apoio dunha nación culta como Alemaña?'.

Solé fundaméntao, en primeiro lugar, no fenómeno provocado por Joseph Goebbels, responsábel da campaña publicitaria que converteu a Hitler en 'führer'. mais tamén lle recoñece algunhas virtudes ao ditador, como ver a debilidade dos seus opoñentes e adaptar o seu discurso ao auditorio, falando tanto para as clases poderosas como para os traballadores.

a terceira calidade relaciónao co ex-presidente Donald Trump: 'espertaba as paixóns máis baixas das persoas, sabía desatar todo isto e que a xente se atrevera a expresar a súa parte máis violenta e ruín'. nom obstante, o experto lembra que Hitler era 'un home incompetente, sen ningunha fondura', restando a aura de xenio do mal ao que leva a espectacularización dos seus actos.

e inda sabendo todo isto, revisitámolo unha e outra vez en libros e documentais. como Vlad o empalador, Charles Manson ou Jack o destripador, fascínanos porque rompe cos límites da comprensión humana e lévanos a cavilar sobre nós mesmos.

sinala Solé que alén da relevancia histórica, existe unha causa na psicoloxía fonda do ser humano: 'a mente exercítase en situacións adversas e, nom sendo o home un ser anxelical, interésase por saber ata que punto pode chegar a tendencia do mal nel'.

tradución e deturpación por @xindiriz

texto orixinal publicado co título 'entender el mal' por Andrea Nogueira Calvar en el país (9xan2022), suplemento rostros del mal, pp 2-3.

visitantes