27.2.17

doentes, nom gladiadores

Pablo Ráez e a súa moza
www.marbella24horas.es
do facebook personal de Pablo
está a ser demasiado frecuente facer gladiadores dos enfermos, coma se tivesen que ser unha especie de atletas olímpicos aos que se lles esixe loitar a cambio da súa curación: ideoloxía neo-liberal pura e dura trasladada ao mundo da saúde. unha ideoloxía que nom fai máis que dividir a sociedade entre gañadores e perdedores. Pablo Ráez nom era un loitador porque era un doente, unha vítima de algo tan inxusto como sufrir leucemia.

facer del un loitador é facelo responsábel da súa curación, ocultando que para sandar nom hai nada máis decisivo e eficaz que o investimento público en investigación médica e na calidade do sistema público de saúde. se nom fose abondo a perversión, cando unha persoa fina, que na linguaxe neo-liberal é sinónimo de que nom loitou abondo, o responsábel de perder a batalla é o propio doente. unha perversidade monstruosa.

a leucemia é un mal que ninguén o elixe. polo tanto, ninguén elixe ter que loitar contra ela ou contra calquera outra enfermidade. os doentes sofren e o éxito da súa curación depende dun diagnóstico precoz, dun bo tratamento, de que se invista en investigación e de que sexan atendidos por un bo equipo médico.

algo semellante é facer dos emprendedores unha especie de heroes que loitan por saír do desemprego en soidade sen dicir que o máis importante para que un emprendedor teña éxito é o investimento inicial que lle poida prestar alguén (por exemplo, a familia). agora toca persuadirnos de que loitar é abondo para curarse: o mesmo ten que vivas en Senegal ou en Suecia, nunha chabola ou nun chalé de luxo, que teñas acceso a un sistema de saúde público e de calidade ou que che pidan a tarxeta de crédito nada máis entrar no hospital.

ninguén sobrevive loitando en soidade, ninguén cura dun cancro loitando como se fose un campión olímpico, ninguén se fai empresario de éxito só tendo unha boa idea de negocio, ninguén consegue os seus obxectivos a base de soños, ninguén deixa de ser un excluído social poñendo boa cara. nada, absolutamente nada, se soluciona cunha frase de auto-axuda.

abonda de facer de calquera faceta da nosa vida un feito individual no que dependemos exclusivamente de nós mesmos. ninguén se fai a si mesmo, a frase favorita da insolidariedade, o individualismo e a falta de empatía. facémonos uns aos outros, na saúde e na enfermidade. en lugar de esixirlle ás persoas enfermas que loiten, sería máis útil que loitaramos nós por eles e por nós, por todos, e que, cando menos, deixaramos de votar aos que recortan, de xeito homicida, os investimentos en investigación científica e no sistema público de saúde.

deturpación de 'los enfermos no son luchadores' de Raúl Solís, 2017
deturpación de @xindiriz

visitantes