2.2.14

o 'efecto túnel'

www.teinteresa.es
imos circulando por unha estrada de dous carrís e entramos nun longo túnel do que inda non vemos a saída. De súpeto, párase a circulación. Pillamos un enorme desgusto porque todos temos moito que facer, pero ao ver que todos estamos na mesma situación, consolámonos, decidimos apagar o motor e esperar a ver que sucede. Estar desgustados non é abondo para que nos poñamos a protestar.

ao cabo dun rato observamos que os coches do carril dereito comezan a circular lentamente. Inda que o noso segue parado, iso non nos indigna; pola contra, de primeiras toleramos a situación de desigualdade porque temos a esperanza de que cedo comezaremos a movernos nós tamén. E con esa esperanza poñemos o motor en marcha de novo. E esperamos.

pero agora vemos que os coches do carril dereito circulan cada vez a máis velocidade e nós seguimos parados. Comezamos a irritarnos e pensamos en que pasa para nós inda non nos podamos mover, como están a facer os do carril dereito. A nosa tolerancia á desigualdade comeza a diminuír. E o noso malestar estoupa por algún feito menor, como ese condutor que nos obsequia cun aceno obsceno. Ou todos o ningún, pensamos. E finalmente vas e cruzas o teu coche no medio dos dous carrís.

esta pequena historia explica o ‘efecto túnel’, formulado en 1973 polo economista e politólogo Albert O. Hirschman (1915 – 2012); Pablo González Casanova chamoulle ‘factor esperanza’, Ralf Dahrendorf a ‘política da frustración’ e Adolfo Figueroa a ‘tolerancia limitada fronte ás desigualdades’.

chamémoslle como lle chamemos, este concepto pode axudarnos a entender como a crise social pode aparecer no momento no que a economía comeza a mellorar. A tolerancia social cambia ao longo do transcurso dunha crise: é elevada cando as cousas están mal para todos, pero mudará de xeito súpeto cando unha parte da poboación percibe que o vaso da recuperación non reborda e eles non se benefician. A indignación moral con esta falta de equidade pode provocar a aparición da crise social.

e atención, o discurso político sobre o final da crise pode ser percibido como ofensivo e incluso provocador para os que, logo de tantos sacrificios, xa non teñen nada na despensa. É posible, entón, que os que soportaron estoicamente unha mala xestión da crise non aturen agora unha mala xestión da recuperación. De ser así, é probable que á crise económica siga unha crise social.

deturpación dunha parte do artigo 'El riesgo, ahora, es la crisis social' publicado en El País o 2 de febreiro de 2014, que só comparto moi lenemente; non sei en que extremo
@xindiriz

visitantes