6.12.11

proxecto Cusanca, cronoloxía

xente de andaina, bebendo na fonte de cusanca
887, 29 abril - (doc. 111 do mosterio de Sobrado dos Monxes) Escritura de doazón feita por Sisnandus en favor da súa esposa Eldontia. Entre as testemuñas que asinan o documento hai varias mulleres. O texto latino é sintacticamente escuro, pero os tópicos preliminares son un trazo característico, como poñen de manifesto non só as fórmulas visigóticas de entrega do dote (Gil, 1991: nos. XIV-XX), senón tamén os dous documentos de Celanova recollidos máis adiante.

No nome de Deus. Eu, Sisnandus, a ti docísima esposa miña. Conseguindo para min o teu matrimonio por gracia divina, segundo os costumes da futura esposa, e desexando ardentemente vivir contigo e facerte unha esposa feliz, preferín prometerme cunha nobre familia e elixi-lo teu amable consentimento, na liñaxe onde brilla o esplendor da súa nobreza e resplandece a beleza na fermosa honestidade dos homes. Por todo iso, a causa do extraordinario de tan grande solemnidade, elixín o inviolado pudor da túa virxindade. Damos e concedemos á túa dozura a título de dote dez mozos, que son: Fromarigus, Petrus, Betotus, Recaredus, Malulus, Feles, Marcitus, Exela, Severinus e Lopellus; tamén dez mozas, que son: Teodesinda, Malucca, Exilo, Gonza, Rosalía, Domnina, Guncina, Oihenia, Ansoi e Pinniola; vinte cabalos e unha besta coa súa sela e o seu freo adornado, cincuenta eguas, cen vacas, vinte parellas de bois e cincocentas ovellas comúns; para adornos e vestidos catrocentos soldos; ademais de trinta vilas, que son: no termo de Nemitos, Genrozo, Viventi, Caliobre, Vendabre, Pontelia, Teoderici, Heletos, de sobrenome Limenioni, Crendes e Vilar-Porcimilio; no termo de Montanos, Laureda de San Pedro, Vilar-Barvarios, Camba, Vilamaior, Gaffoni; en Presares: Idstartidoni, Vilar-Mandeo, Codessoso e Lagoa de Santa Eulalia; en Castella, Vila-Trasarici da Igrexiña Pinzare, Dornelles, Cusanca, Verduzedo, Bitolainos, Sandurci de Galegos, Castanaria, Pescoso, Indeza, Paraiza, Pastoriza, Navego e Asma. Ademais, [douche] a décima parte de todo o meu. Así, deste xeito, todo o que enumeramos máis arriba, inscribímolo ó teu nome e doámoscho neste documento de dote, para que desde hoxe en diante o tomes, teñas e posúas, e deixes ós nosos fillos nados deste matrimonio, e concédoche a potestade de facer e dispor disto como desexes. Se alguén, o que non creo posible, se manifestase en contra do que acabo de facer, que che pague o enumerado anteriormente duplicado e triplicado, e canto fora mellorado por ti, para que o teñas para sempre. Feito este documento de dote e doazón o tres das calendas de maio da era 935 (29 de abril de 887), sendo rei o príncipe don Alfonso.
Heustoca, confesor [signum]; Sisnandus, que quixo facer este documento, asina coa súa propia letra, confesor [signum]; Abade Cissila, confirmante [signum]. Uniscus, testemuña; Herus, testemuña; Abade Hermiles, testemuña; Fofus, testemuña; Xemundus, testemuña; Exica, testemuña; Fafianus, testemuña; Sisegundia, testemuña; Lucidus, testemuña; Presbítero Exica, testemuña; Avolinus, testemuña; Aldoretes, testemuña; Hermenexildo, testemuña; Breto, testemuña; Fredenanda, testemuña; Galendus, testemuña; Brettus, testemuña; Froila, testemuña; Refulfus, testemuña; Iunze, testemuña; Teodomiro, testemuña; Gundixeva, testemuña; Nunnilo, testemuña; Flamula, testemuña; Ailo, testemuña; Goldegrogo, testemuña; Fredenanda, testemuña. Redactouno o presbítero Uianamundus [signum].

carro nun curro de cusanca
1112 - Pedro Froílaz, conde de Traba, recibe dereitos sobre a agua de Cusanca pola Raiña Urraca en pago á súa adhesión.

Doazón de Urraca aos condes de Traba: "Eu, Urraca, raíña de toda España co meu fillo, don Alfonso fago esta carta para vós, querido, Don Pedro Froylaz e para a vosa queridísima esposa Dona Maior Roderici… dos coutos e augas do Dozón, do Deza, do Arnego nos termos de Cusanca e de canto ten a casa de Varcena ademais do garantido en Deza e en Camba, e en Castela, e en Cusanca e en Montes e no Salnés … Eu, a raíña Dona Urraca, como xa teño escrito máis arriba, doulle e concédolle, querido Don Pedro e queridísima Dona Maior todas estas vilas e igrexas nomeadas anteriormente, porque asi mo ordeou o meu pai o rei Don Alfonso que vos criou e mantivo e polo fiel servicio que recibiu de vós ata o día de hoxe e pola crianza e mantenza do meu fillo Don Alfonso, para que teñades estas herdades vós e os vosos fillos e toda a vosa descendencia e na vida e na morte, fagades dende hoxe toda a vosa vontade".

1128, 8 outubro - Xoán Díaz, conde galego, bo coñecedor da estrutura e funcionamento do cabido de Xerusalén, entrega «ao patriarca, os coengos e os seus ministros» do Santo Sepulcro todo o pobo de Cusanca. As posesións da orde en Galicia abarcaron cuantiosos bens inmobles e igrexas parroquiais en cando menos seis pobos (todos próximos á casa prioral en Pazos d'Arenteiro: con estrutura pacega, nunha estrema da cal había una torre con dous sobrados) na diócese de Ourense: Albarellos, Astureses, Cusanca, Readengos, Dadín e Moldes.


hórreo en cusanca
1183, xullo 21 - (Colección de documentos medievais do arquivo da catedral de Ourense, 1917, páxs. 66-68) Cusanca aparece mencionada nun documento asinado en Verona polo papa Lucio III, quen confirma as doazóns feitas á igrexa de Ourense: LVCIVS EPISCOPVS SERVVS SERVORVM DEI VENERABILI FRATRI ALDEFONSO AVRIENSI EPISCOPO EIVSQUVE SVCCESSORIBVS CANONICE SVBSTITVENDIS IN PERPETVAM MEMORIAM: «Ecclesias de Cusanca, Castella, Bubalum».


1212 - M. Martínez, comendador do Santo Sepulcro en Ribadavia, Cusanca e terra de Orcellón, cambia con Alfonso Pérez e a súa muller Sancha Arias unha viña en Monte Mediano, que lle doara pola súa alma Arias Pérez, por outra viña na veiga da igrexa de Santiago de Ribadavia: «Era Mª CCª Lª et quotum ... ienuarii. Notum sit tam presentibus quam futuris quod ego M. Martini commendator ex parte Sepulchro in burgo Ripe Auie et in Cusancha et in terra de Urzelon una cum conventu eiusdem loci et omnis vox nostra tibi Anfonsus (sic)».
 
1335, abril 25 - En Chantada, don Xoán Pérez, abade do mosteiro de San Salvador de Chantada, co seu convento, afora a Lourenzo Eanes, á muller que tivera, e a un fillo ou filla, dous casais situados na vila de Cusanca, no lugar que chaman As Quintás, baixo certas condicións. Debería pagar anualmente de renda dous moios de pan; se houbese problemas de sarabia ou xiadas que estropearan as colleitas, pagaría 100 soldos de moeda nova do rei Afonso, Ademais, pagaría tamén anualmente ao comendador de Astureses 40 soldos desa moeda.
 
1422 - ocupa o bispado de Ourense Afonso de Cusanca.
 
igrexa de cusanca
1489 - a bula de disolución «cum solerte» emitida por Inocencio VIII finalmente incorpora as posesión da Orde do Santo Sepulcro á orde de San Xoán. Así acabou a historia dunha institución que perdurara durante case quinientos años, unha institución que transportaba e fomentaba a espiritualidade jerosolimitana en Galicia.
 
1563 - Apeo dos bens e xurisdición pertencentes á encomenda de Pazos de Arenteiro, a petición de Diego de Guzmán, o seu comendador. Cítanse os lugares de San Miguel de Albarellos, San Cosme de Cusanca, Santo Tomé de Serantes, Santa María de Xuvencos, Pazos de Arenteiro e a xurisdición de Castro Cabadoso.
 
1606 - Apeo do couto e freguesía de Cusanca.
 
1668 - Memorial de bens para o melloramento da encomenda de Pazos. Na freguesía e couto de Astureses exercía a Encomenda a xurisdicción espiritual e temporal, con prior ao cargo da súa igrexa e casa tulla para a recollida de dezmos e rendas. A xurisdición estendíase á freguesía e couto de San Miguel de Albarellos, con potestade criminal, espiritual e temporal e prior a cargo da súa igrexa, que era de presentación e nomeamento da Encomenda; dentro da freguesía dispoñía tamén das granxas de Albarellos, Taman e Salón, destinadas á recollida dos dezmos e foros da mesma, que consistían no pago de uva e viño. Tamén San Cosme de Cusanca era xurisdición civil, criminal e espiritual da Encomenda, que provía á súa igrexa de prior; os dezmos, preeminencias e rendas á que estababan sometidos eran varios, coa obriga de seren transportados a Pazos. A igrexa de San Pedro de Dadín era de presentación da Encomenda, que exercía a xurisdición civil e criminal; as rendas dos seus fregueses recollíanse na casa tulla de Saavedra, transportándose logo a Pazos. Nas freguesías de San Xulián de Parada de Labiote e Santa Olaia de Reádegos cuxas igrexas eran de presentación da encomenda, a xurisdicción era só temporal; as numerosas rendas á que estaban suxeitas recollíanse na tulla de Reádegos. Ademais a actuación da Encomenda de Pazos non se limitada aos cercanos termos municipais de Boborás e O Irixo, senón que afectaba tamén a terras pontevedresas, como acreditaban os foros á que estaban sometidos os lugares de Cambados e Couto de Nogueira.
 
próximos a cusanca
1715 - Apeo do Partido de San Cosme de Cusanca.
 
1762 - Novo apeo do Partido de San Cosme de Cusanca.
 
BIBLIOGRAFÍA:
JASPERT, Nicolas: "Peregrinos gallegos a Palestina y las relaciones entre los cabildos de Compostela y Jerusalén en el siglo xii" Potestas, nº 1, (2008), pp. 149-170.
PEREIRA MARTÍNEZ, Carlos: "Documentos da Orde do Santo Sepulcro en Galicia", Anuario brigantino, nº 30 (2007), pp. 211-230.

visitantes